Enxeñaría de Telecomunicación presenta nos LPRO Days 13 proxectos tecnolóxicos 100% desenvoltos polo alumnado

A entrega de premios aos mellores traballos correu a cargo de destacadas empresas do sector TIC, membros de Conexión Teleco

13 proxectos tecnolóxicos desenvoltos por 66 estudantes que están a piques de titularse baixo a atenta mirada dun equipo de 17 docentes. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación saca peito esta semana do talento do seu alumnado nunha nova edición dos LPRO Days, un evento concibido a modo de feira tecnolóxica no que cada ano se dan a coñecer os proxectos desenvoltos polo alumnado que está a piques de titularse.

Sistema de detección temperá de afogamentos que emprega cámaras
térmicas e procesado de imaxe para identificar persoas en perigo. Dispón de
hardware con beeper LoRa, backend para xestión de alertas, e un frontend que
permite a súa monitorización centralizada en tempo real.

Palabras clave: drowning detection, thermal imaging, LoRa communication, real-time
alerting, remote monitoring

Sistema de detección en tempo real de fochancas mediante sensores, cun
servidor que amosa nun mapa a súa localización xunto cunha fotografía. Enviaremos
informes ás entidades responsables para que sexan conscientes da gravidade e
realicen as reparacións con rapidez. O noso obxectivo é mellorar a seguridade viaria
e evitar calquera tipo de dano.

Palabras clave: automobilismo, sensores, cámara, fochanca, mapa

Dispositivo baseado na tecnoloxía RFID para que o usuario poda localizar os
seus obxectos persoais: maletas, mochilas ou maletíns. O usuario mediante unha
aplicación poderá saber se o obxecto, ao que previamente engadiu un adhesivo
RFID, está entrando ou saíndo do radio de acción do dispositivo.

Palabras clave: RFID, localizador, app, alarma

Proxecto orientado á adaptación de ascensores para a inclusión de persoas con
mobilidade reducida (PMR) mediante a sensorización e o uso dunha aplicación
móbil. Isto impulsado dunha IA que xestiona as peticións. Dando prioridade ás PMR
se consegue facer máis accesible e fácil a experiencia de usar un ascensor.

Palabras clave: ascensor, accesibilidade, aplicación, inclusión, IA

Proxecto orientado a potenciar a autonomía das persoas maiores e ofrecer
tranquilidade ás súas familias, mediante recoñecemento de obxectos, detección en
tempo real de caídas, xestos para solicitar axuda e integración con altofalantes
intelixentes.

Palabras clave: autonomía; detección de caídas; xestos; recoñecemento de obxectos;
altofalantes intelixentes

Solución tecnolóxica destinada a apoiar persoas con TEA mediante
intelixencia artificial e recoñecemento de actividades. Verifica se se completan
rutinas diarias a través dunha cámara local e activa alarmas personalizadas.

Palabras clave: recoñecemento de accións, neurodiversidade, eHealth, Intelixencia
Artificial, autonomía

Sistema de comunicación óptica unidireccional que emprega luz infravermella
para transmitir información dinámica a varios usuarios de maneira simultánea. Está
orientado para entornos públicos como poden ser museos, restaurantes ou
marquesiñas, permitindo así compartir os contidos sen necesidade de conexión a
Internet nin emparellamento previo entre dispositivos.

Palabras clave: LiFi, información dinámica, comunicacións ópticas, infravermello

Sistema para actuar como ponte de comunicacións entre persoas
atrapadas baixo cascallos e equipos de rescate durante emerxencias. É unha solución
integrada que conta cun computador con programas xa integrados e cun robot con
movemento que habilita a transmisión de audio vídeo, ademais de lecturas da
contorna.

Palabras clave: comunicacións, robot, Emerxencias, portabilidade, rescate

Sistema de asistencia para persoas invidentes. Consiste nun chaleco con
sensores de ultrasóns para detectar obstáculos, motores de vibración para alertas,
cámara intelixente para identificar persoas e pasos de peóns, GPS con rutas por voz
e auriculares óseos para indicacións de dirección.

Palabras clave: persoas invidentes, chaleco intelixente, sensores de ultrasóns,
asistencia por voz, GPS.

Navegación en interiores para persoas con discapacidade visual, no que se
emprega Wifi a través do método de fingerprinting para o posicionamento. A
navegación implementa tecnoloxía RFID baseándose no algoritmo de dijkstra para o
cálculo da ruta máis curta.

Palabras clave: fingerprintig, dijikstra, RFID, invidentes, interiores

Sistema de proctoring (supervisión remota de exames) que combina
vixilancia en tempo real e revisión posterior mediante intelixencia artificial. Aporta
unha visión única grazas ao uso dunha GoPro, que complementa á cámara web e
permite analizar o desenvolvemento do exame desde a perspectiva do alumno.

Palabras clave: proctoring,vixilancia en tempo real, detección de irregularidades,
exames en liña, seguridade académica.

Dispositivo interactivo que facilita a comunicación e o seguimento de
calquera presentación. Detecta cambios nas diapositivas e permite facer capturas
tanto da activa como das pasadas, engadir notas, descargas en distintos formatos e
consultas posteriores, ofrecendo ademais control, datos estatísticos e valoracións á
persoa que presenta.

Palabras clave: presentación, diapositiva, captura, control

Sistema multiplataforma de servizos xeolocalizados que conecta clientes
con operadores de drons. Permite contratar servizos específicos con UAS por tempo
limitado e previo pago. O sistema amosa en tempo real a posición dos drons activos
nunha área específica, facilitando o acceso e control dos servizos ofrecidos.

Palabras clave: UAVs, ride-share, xeolocalización, espazo aéreo, gig economy

Como dixera o profesor Manuel Caeiro, coordinador dos LPRO Days, facendo unha chamada a toda a comunidade universitaria e ao conxunto da cidadanía a achegarse o 8 de maio á escola ou o día 9 ao Verbum para que os equipos lles puidesen explicar as súas ideas e, sobre todo, puidesen pór a proba as súas creacións: “o mellor é vir a ver os proxectos e os prototipos en directo”. Cumpriuse a súa predición: “polos comentarios de anos anteriores, garantimos unha experiencia tecnolóxica moi divertida e memorable”.

A xornada na EET

Na xornada do xoves 8 de maio nas instalacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, cada proxecto contou cun posto onde se expuso o prototipo desenvolto e no que os autores deron detalles do seu funcionamento.

Como cada ano os proxectos abordan unha gran variedade de temáticas, se ben, a edición  deste ano confirma o uso cada vez maior da Intelixencia Artificial, algo que xa se viña producindo desde hai uns anos. O fío común, como cada edición, sempre é o mesmo: empregar as últimas tendencias tecnolóxicas para axudar á sociedade e, ao tempo, demostrar que están listas e listos para incorporarse ao mundo profesional.

Múltiples temáticas e un nexo común: a súa utilidade 

Nun ir e vir constante de persoas entre os diferentes postos, un dos traballos que máis chamou a atención entre os visitantes foi Vía Plus, un sistema de detección en tempo real de fochancas en estradas mediante sensores, un sistema dotado dun servidor que amosa nun mapa a súa localización xunto cunha fotografía. “Enviaremos informes ás entidades responsables para que sexan conscientes da gravidade e realicen as reparacións con rapidez”, explican os autores, ao que engaden que o seu obxectivo é “mellorar a seguridade viaria e evitar calquera tipo de dano”.

Outro dos traballos que máis espertou a curiosidade das persoas visitantes foi Lossn’t, un dispositivo baseado na tecnoloxía RFID dirixido a que o usuario ou usuaria poida localizar os seus obxectos persoais -maletas, mochilas, maletíns…-. “Mediante unha aplicación poderá saber se o obxecto, ao que previamente engadiu un adhesivo RFID, está entrando ou saíndo do radio de acción do dispositivo”, comenta o equipo.

Hai tamén temáticas que, dada a súa importancia, se repiten todos os anos. Falamos das cuestións relacionadas cos coidados e a asistencia, sobre todo a persoas con visibilidade ou mobilidade reducida, persoas maiores, con TEA… Nesta liña sitúase ASCi, un proxecto orientado á adaptación de ascensores para a inclusión de persoas con mobilidade reducida mediante a sensorización e o uso dunha aplicación móbil; Hestia, orientado a potenciar a autonomía das persoas maiores e ofrecer tranquilidade ás súas familias, mediante recoñecemento de obxectos, detección en tempo real de caídas, xestos para solicitar axuda e integración con altofalantes intelixentes, ou Safe Step, un sistema de asistencia para persoas invidentes.

A busca da utilidade social sempre está presente. Outro exemplo é Robotopo, deseñado para actuar a modo de ponte de comunicacións entre persoas atrapadas baixo cascallos e equipos de rescate durante emerxencias, ou Acuasafe, un sistema de detección temperá de afogamentos que emprega cámaras térmicas e procesado de imaxe para identificar persoas en perigo.

A xornada no Verbum

Na xornada do venres 9 no Verbum, tivemos dúas sesións: unha, pola mañá, con visitas de alumnado de ensino secundario e, outra, xa pola tarde, aberta ao conxunto da cidadanía, con visita do alcalde, Abel Caballero, e entrega de premios aos mellores traballos da man de varias empresas e institución da rede conexionTeleco: Marine Instruments, Optare Solutions, Quobis, Gradiant e CTAG.

A apertura do acto de clausura e entrega de premios correu a cargo da directora da escola, Rebeca P. Díaz, e contou coa participación do alcalde Abel Caballero, o director de atlanTTic, Martín Llamas e o coordinador dos LPRO DAYS, Manuel Caeiro, así como os representantes das empresas de Conexión Teleco, que foron os encargados de repartir os galardóns:

  • Carlos Groba, de Marine Instruments, entregou o premio ao proxecto OmniWatch
  • Roberto Pérez, de Optare, entregou o premio ao proxecto RoboTopo
  • Santiago Troncoso, de quobis:, entregou o premio ao proxecto ViaPlus
  • Luis Pérez Freire, de Gradiant, entregou o premio ao proxecto LiQR
  • Damián González Figueroa, de CTAG, entregou o premio ao proxecto ASCi

Fonte: DUVI