265 estudantes de 23 institutos nos III Teleco Games
O salón de actos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolleu o 17 de xaneiro a recepción ao alumnado e profesorado que vai participar na final da III Olimpíada Nacional de Teleco, Teleco Games.
Esta competición celébrase simultaneamente en máis de 20 escolas de enxeñaría de toda España coa colaboración do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación. A final terá lugar o vindeiro mes de abril e na fase viguesa competirán 265 estudantes de 23 institutos de ensino medio divididos en 56 equipos.
“De novo somos o centro con máis estudantes inscritos de toda España (case un 35%), así que esperamos acadar tamén tan bos resultados na final nacional, prevista para o mes de maio, tal e como aconteceu nas edicións anteriores”, explicou a directora da escola, quen lembrou que na final de 2024 houbo premios para o alumnado galego en todas as categorías.
Entre as principais novidades desta terceira edición, destaca a posta en marcha dunha nova categoría: 1º-2º de ESO, coa que se busca “motivar as vocacións entre o alumnado máis novo, xa que nunca é suficientemente cedo para que experimenten coas tecnoloxías de comunicación”, apuntou Díaz. Amplíase así o abano de idades, que incluía xa o alumnado de 3º e 4º da ESO e Bacharelato e Formación Profesional.
A olimpíada xirará arredor do ODS 7: Enerxía alcanzable e non contaminante
Tal e como se explicou no transcurso do acto, que se estendeu ao longo de toda a mañá e incluíu unha visita guiada polas diferentes instalacións da EET, nesta 3º edición das olimpíadas os equipos terán que crear un prototipo usando calquera placa compatible co IDE de Arduino, que achegue unha solución dentro do ODS 7 (Enerxía alcanzable e non contaminante) utilizando algún tipo de comunicación (wifi, bluetooth, etc.). Isto implica que os estudantes que participen deberán achegar proxectos que reflictan como as telecomunicacións poden contribuír a garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna.
As olimpíadas contan coa colaboración de empresas da rede ConexiónTeleco: BorgWarner, Indra, Grupo Oesía e Televés. Ademais dos premios, 1300 euros en cada categoría, estas firmas contribúen tamén a facilitarlles aos institutos de orixe os kits de desenvolvemento para os proxectos.
Fonte: DUVI e Atlántico Diario