A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo entregan os premios GirlGeekPower
En setembro de 2021, cando aínda restaba case un ano para que se declarase a fin da pandemia, nacían os Premios GirlGeekCovid, unha iniciativa da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo, co obxectivo de fomentar a presenza de mulleres no eido científico e tecnolóxico. Cinco anos e 16 premiadas despois, os galardóns recoñeceron hoxe os mellores expedientes femininos da Universidade de Vigo do curso 2023/2024 en dúas categorías: estudos de Ciencias e de Enxeñaría e Arquitectura, con dous primeiros premios de 2000 euros e dous accésits de 1000.
Así, nun acto celebrado o 10 de decembro de 2024 na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, Daniela Sanz Toucedo, estudante de Enxeñaría de Telecomunicación, recibiu o primeiro premio na rama de Enxeñaría e Arquitectura, mentres que Iliana Durán Alonso, estudante do Máster de Biotecnoloxía Avanzada, foi a galardoada co primeiro premio en Ciencias e Ciencias da Saúde. Pola súa banda, Noa Álvarez Montes, enxeñeira biomédica, especializada na área de Ciencia e Tecnoloxía de Materiais, e Sarai Moledo Rodríguez, graduada en Bioloxía e estudante do Máster de Xenómica e Xenética, recibiron os accésits en Enxeñaría e Arquitectura e Ciencias e Ciencias da Saúde, respectivamente.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a deputada de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos, foron os encargados de entregar uns galardóns ás premiadas, “nacidos da necesidade de recoñecer a excelencia dos currículos das mulleres nas carreiras STEM”, dixo Bastos, que incidiu na importancia do liderado feminino nestes ámbitos para poder rematar coa fenda de xénero. “Parabéns polos vosos currículos e grazas por ser un exemplo e un referente para as novas xeracións”, dixo a deputada provincial ás premiadas. Pola súa banda, o reitor da UVigo, agradeceu a colaboración da Deputación na organización destes galardóns e reiterou o valor e o exemplo que as premiadas representan. “Precisamos que sigades rompendo os teitos de cristal. Seguramente que algunha vez escoitastes: ‘iso non é para ti, iso é cousa de homes’. Mentres non sexamos quen como humanidade de utilizar as dúas pernas e os dous brazos seremos unha sociedade condenada a non avanzar á velocidade que podemos”, dixo Reigosa, que demandou igualdade real e a todos os niveis e que “as mulleres ocupedes o lugar que vos corresponde”.