Terán información directa, presencial ou telemática, sobre estudos e saídas profesionais
A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación suma este curso unha nova iniciativa coa que achegarse ás mozas e mozos de ensino medio que en breve terán que elixir estudos. Trátase da experiencia piloto InformaTE, un programa dirixido a facilitarlle a estes estudantes, ás súas familias e orientadores dos centros de ensino secundario a comunicación directa coa escola. “Queremos que reciban información de primeira man do profesorado, do noso estudantado e do persoal dalgunhas das principais empresas do sector das telecomunicacións”, recalca a directora, Rebeca P. Díaz. O obxectivo é pórse a disposición destes estudantes para axudarlles a resolver de xeito directo todas as dúbidas que lles xurdan con respecto aos estudos que se imparten na escola e as súas saídas profesionais.
‘Pero que se estuda en Teleco? En que podo traballar cando remate?’
‘Teleco? Pero que se estuda en Teleco? En que podo traballar cando remate?’ Estas son algunhas das preguntas máis frecuentes coas que se topa o persoal da escola nas xornadas de portas abertas e nas diferentes actividades que organizan habitualmente para o alumnado preuniversitario e as que agora o “equipo InformaTE” tratará de responder “falando directamente con elas e eles” antes de entrar na escola.
Enmarcado dentro do Plan de Acción Titorial, o programa contempla atención presencial ou telemática -mediante videoconferencias- con quen considere mellor a persoa ou familia solicitante, ben algunha empresa do sector das telecomunicacións que os axude a coñecer as oportunidades profesionais que terán no futuro, ben con docentes do centro que os informen con máis detalle sobre o programa de estudos ou, se así o prefiren, con estudantes actuais cos que obter unha información máis próxima a elas e eles xeracionalmente.
Coa participación dalgunhas das principais empresas do sector TIC
Neste primeiro ano de posta en marcha do programa, forman parte do equipo InformaTe, algunhas das principais empresas e centros tecnolóxicos do sector que colaboran de xeito habitual coa escola: Optare Solutions, Indra, Gradiant, Quobis, CTAG, atlanTTic, Gradiant, Borgwarner, Televes e R. A eles súmanse sete docentes do centro, entre eles a actual directora, Rebeca P. Díaz, e o seu predecesor no cargo Íñigo Cuiñas, xunto con Felipe Gil, Manuel Caeiro, Óscar Rubiños, Soledad Torres e Enrique Costa. Completan este equipo dous estudantes do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación: David Sueiro e Anxo Gesto.
Fonte: DUVI, Código Cero