O próximo venres 30 de setembro terá lugar a celebración da G-Night: Noite Europea das Persoas Investigadoras. O evento, coordinado pola Universidade de Vigo, contará coa participación de investigadoras e investigadores en representación da comunidade científica galega. A G-Night levará ás principales cidades galegas unha variedade de relatorios, obradoiros e actividades de divulgación científica para tódolos públicos. Na actual edición, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) da Universidade de Vigo, xunto con atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo), participará no evento.
Expo-feira científica no Berbés
Docentes da EET presentarán varias actividades e proxectos na expo-feira científica da G-Night que terá lugar na Praza do Berbés de Vigo, de 18:00 a 21.00 h. O obxectivo destas presentacións é o de aproximar a tecnoloxía á cidadanía e o de mostrar as súas achegas no ámbito das telecomunicacións.
Como chega a información a través do aire? De que elementos se compoñen estas tecnoloxías? Como traballa a xente que as deseña?
Durante a G-Night en Vigo, Felipe Gómez Cuba, docente da EET e investigador do centro de investigación atlanTTic, organizará xogos e manualidades para o público infantil. Estas actividades teñen o obxectivo de amosar dun xeito sinxelo o funcionamento das redes de comunicación. Ademais, contará como traballan o persoal investigador que desenvolve eses sistemas. Finalmente, amosará equipos de laboratorio reais, para así achegar as telecomunicacións á sociedade.
AdEII, unha app para o autocoidado de pacientes con Crohn e colite ulcerosa
Por outra banda, a docente Rebeca Díaz Redondo, Directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e investigadora do centro de investigación atlanTTic, e Manuel Caeiro, docente da EET e tamén investigador de atlanTTic, presentarán o proxecto AdEII. Este, trátase dunha app para mellorar o seguemento das pautas e tratamentos médicos de doentes con Enfermidades Inflamatorias Intestinais (EII). Os/as doentes interactúan con vídeos e tests a través dun bot de Telegram. O sistema, pensado para enfermidades como a Crohn e a colite ulcerosa, emprega unha metodoloxía baseada no microlearning. Neste proxecto colaboramos cun equipo de persoal médico especialista da Fundación Biomédica Galicia Sur.
Estades tod@s convidad@s a esta data tan especial para a comunidade científica. Vémonos no Berbés!
Ciencia no bar en Pontevedra
entro do programa de actividades de ‘Ciencia no bar’ de Pontevedra, José Carlos López Ardao, profesor da EET e investigador do centro de investigación atlanTTic, ofrecerá a charla A intelixencia artificial que nos rodea no bar La Gramola (Praza de Mendez Nuñez, 1) ás 20.30 horas.
Tras explicar de xeito sinxelo que é a intelixencia artificial e cales son os distintos tipos, fará un pequeno repaso polos casos máis habituais de emprego da intelixencia artificial que nos rodea no noso día a día, e en moitos casos pode que nin sequera sexamos conscientes dela.