Un grupo de alumnas e alumnos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo acaban de facerse cun dos tres premios da Maker Faire Galicia, o maior evento deste tipo que se celebra a nivel nacional. Presentáronse máis de 90 proxectos procedentes de todo o mundo e o terceiro premio foi para Siluro, o proxecto presentado por este grupo de estudantes da UVigo e que consiste nunha innovadora embarcación destinada á detección e recollida de residuos sólidos na superficie da auga sen danar o medio. O evento prolongarase ata o vindeiro domingo no Museo Gaiás da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
Siluro é un dos proxectos que se presentou hai apenas unhas semanas nos LPRO Days, a xornada na que as alumnas e alumnos de último curso do Grao de Enxeñarías de Tecnoloxías de Telecomunicación presentan os traballos desenvolvidos na materia Laboratorio de proxectos. Ter sido elixidos para participar neste encontro foi para eles “un auténtico orgullo”, explica Carlota Cañamero, unha das alumnas implicadas no proxecto, encargada, xunto coa súa compañeira Alba Ferreira, de realizar a presentación da embarcación. “Foi algo que naceu dentro desa materia, pero que agora se recoñece máis aló do ámbito académico nun evento de tal envergadura e repercusión como é esta feira Maker”, salienta a alumna, contenta porque a participación na feira “supón unha grande oportunidade para dar a coñecer o tipo de problemas que se poden abordar coas formacións STEM”. Ser agora recoñecidos cun dos premios é unha satisfacción engadida.
“É unha ferramenta non intrusiva que respecta a fauna e a flora”
Siluro é unha embarcación de pequeno tamaño, arredor de 1,5 metros, cuxo obxectivo é a detención de residuos sólidos superficiais e a súa recollida para contribuír á limpeza dos ecosistemas acuáticos. “É unha ferramenta non intrusiva que respecta a fauna e a flora e que está equipada cun sistema de navegación asistida para modificar a traxectoria da embarcación de forma autónoma no caso de detectar un animal”, explican nun vídeo demostrativo do funcionamento do barco, no que tamén se fai fincapé en que o sistema deseñado inclúe dúas alternativas para a navegación: unha ruta programada e un sistema de radiocontrol. Por outra banda, a interface coa que está equipada o barco inclúe datos de temperatura e humidade, ruta de embarcación, mapeado do lixo recollido, visión de cámara en directo e mandos para o goberno da embarcación.
A feira arrancou onte mércores cunha xornada integramente virtual, na que o equipo da UVigo tivo xa a oportunidade de presentar en detalle o proxecto. Fixérono pola mañá de xeito público e, pola tarde, ante o tribunal avaliador que concederá os premios. Ao longo do día de hoxe xoves e mañá venres ambas alumnas atenderán de xeito presencial un posto “ao que animamos a achegarse a todo o mundo para coñecer con máis detalle o prototipo e resolver todas as dúbidas ou curiosidades que lle poidan xurdir”.
O vídeo explicativo do funcionamento de Siluro.
Fonte DUVI.