Francisco Díaz Otero, profesor do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, acaba de lograr a patente internacional dun xerador cuántico de números aleatorios que poderá empregarse para protexer información en Internet, entre outros usos. En Europa, só existe outro chip con funcións similares aínda que o deseñado por Díaz é máis sinxelo e seguro.
Para o investigador do grupo Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas, coñecido como grupo COM, é a súa primeira patente internacional. O chip poderá utilizarse en simulacións médicas, estatísticas ou industriais que necesiten estes métodos, así como en loterías e apostas. Na industria, segundo explica Díaz, “o xerador poderá empregarse para simulacións de modelos nas que se necesiten xerar números aleatorios como por exemplo en loxística, mecánica, animacións por ordenador… e, en medicina, é de gran utilidade en farmacoloxía ou análise de mostras”. A gran novidade do sistema “é a incorporación da mecánica cuántica para xerar números aleatorios puros”.
Francisco Díaz é profesor de Sinal e Comunicacións Ópticas na EET da UVigo, ademais de ser un dos investigadores promotores e impulsores do Center for Quantum Comunicatios Technology (QCTech), laboratorio especializado en comunicacións cuánticas e fotónica que se porá en marcha en Vigo nos próximos meses. QCTech, foi posible grazas ao traballo de investigación na seguridade en Internet baseada precisamente en supostos computacionais desenvolvidos polos investigadores de atlanTTic. Este laboratorio conta co apio da Axencia Espacial Europea (ESA), o Centro para el Desarrollo Tecnológico e Industrial (CDTI), a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Consorcio da Zona Franca de Vigo e diversas empresas nacionais e Internacionais como Alter Technology, Sener Aeroespacial ou VLC Photonics.
Así mesmo, Díaz Otero é tamén promotor de SPARC (Semiconductor InP Foundry and Advanced Research Centre), a futura fábrica e centro de I+D de Vigo especializada en semiconductores fotónicos e que conta co respaldo da Zona Franca de Vigo.
Estas dúas infraestruturas colocarán a Vigo á vangarda en tecnoloxías de futuro, das que se beneficiarán no só empresas senón a sociedade galega no seu conxunto.
No mes de abril numerosos medios fixéronse eco do xerador cuántico. Aquí tedes o vídeo da nova emitida en Radiotelevisión Española Galicia.