Silvia García Méndez, premio extraordinario de doutoramento

Enxeñeira de Telecomunicación pola nosa Escola, está entre os trinta estudantes distinguidos pola UVigo.

Fuente farodevigo.es

Os expedientes máis brillantes da Universidade de Vigo téñenos un ano máis as mulleres. Os premios extraordinarios correspondentes ao curso 2020/21 que outorgou a UVigo distinguiron a trinta estudantes: vinte e dúas investigadoras e oito investigadores. O número de mulleres é superior ao do ano pasado, un 73% fronte ao 60%, e abarca os catro ámbitos de coñecemento, incluso o das enxeñerías, onde as estudantes apenas supoñen o 20% da matrícula total durante este curso.

O campo científico é o que acumula o maior número de expedientes extraordinarios, un total de doce, dos cales nove foron para investigadoras cuxos estudos están relacionados coas Ciencias da Natureza, as Ciencias Biomédicas e a Química. No ámbito tecnolóxico a UVigo outorgou sete premios, cinco deles a doutoras formadas nas Escolas de Telecomunicación, Minas e Enerxía e Industriais. O ámbito xurídico-social suma tamén sete distincións e catro delas foron para mulleres que levaron a cabo as súas teses dentro dos programas de Dereito e Xurisprudencia, Ciencias Sociais, Políticas e do Comportamento e Ciencias da Educación. Por último, os catro premios no campo de artes e humanidades recaen en catro investigadoras formadas nas facultades de Belas Artes, Historia e Filoloxía e Tradución.

Silvia García Méndez, enxeñeira de Telecomunicación pola nosa Escola, foi unha das investigadoras galardoadas no ámbito tecnolóxico. En 2017 xa obtivera un premio nacional da Fundación Vodafone polo seu traballo fin de máster, co que fixo un traballo que facilitaba a comunicación de nenos con trastornos do espectro autista e outros problemas.

Silvia fixo a súa tese doutoral no Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) a cal se baseou na xeración de linguaxe natural para obter de forma automática textos coherentes a partir de palabras de usuarios/as. Actualmente está a traballar no Instituto Superior de Enxeñería do Porto (ISEP) cunha bolsa postdoutoral da Xunta de Galicia, onde segue traballando nese mesmo ámbito e na comunicación aumentativa e alternativa

Para Silvia o premio extraordinario supón “un recoñecemento persoal moi importante”, e tamén un mérito para a súa carreira como investigadora. A súa idea é poder “volver para facer valer todo o aprendido, xa que Galicia financioume para saír e mellorar”.

Moi consciente da brecha de xénero existente no ámbito tecnolóxico, colaborou con diversas iniciativas da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da UVigo. “É moi importante todo o traballo a favor da igualdade e a actual directora está moi implicada. Coñezo a varias das premiadas, unha delas fixo o mesmo doutoramento, e estou moi contenta de que tamén o reciban”.

Fuente farodevigo.es