No curso 2024-2025 a oferta de titulacións da Escola amplíase cun Programa Académico de Percorrido Sucesivo (PARS) en Máster en Enxeñería de Telecomunicación, vía o Grao en Enxeñería de Tecnoloxías de Telecomunicación. O PARS non constitúe unha nova titulación, senón que proporciona itinerarios curriculares específicos que permiten cursar as dúas titulacións oficiais vinculadas preexistentes de forma parcialmente simultánea para, unha vez finalizados os estudos, obter ámbolos dous títulos.
As dúas titulacións manteñen a súa diferenciación e independencia estrutural; é dicir, segue habendo as mesmas materias, as mesmas mencións no grao, as mesmas especialidades no máster, e as mesmas condicións de terminación que hai nas dúas titulacións por separado.
Dito de forma sinxela, se estás interesado/a en completar a túa titulación de Grao en Enxeñería de Tecnoloxías de Telecomunicación (que habilita para a profesión de Enxeñeiro/a Técnico/a de Telecomunicación) co Máster en Enxeñería de Telecomunicación (habilitante para a profesión de Enxeñeiro/a de Telecomunicación), o PARS facilita a transición entre as dúas titulacións.
Terás máis flexibilidade para cursar as materias dos dous plans de estudos e poderás cursar simultaneamente o Traballo Fin de Grao (TFG) e o Traballo Fin de Máster (TFM):
- Poderaste matricular no Máster en Enxeñería de Telecomunicación tendo pendente a superación de 30 ECTS do Grao en Enxeñería de Tecnoloxías de Telecomunicación (TFG máis outras 3 materias).
- Aínda que TFG e TFM deben ser traballos diferenciados, poderanse realizar de forma integrada, con continuidade no proceso de elaboración.
Podedes atopar información máis detallada na seguinte ligazón: