Os procesos de selección, admisión e matriculación de estudantes na titulación de grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación están definidos nos procedementos establecidos pola Xunta de Galicia e son comúns a todo o Sistema Universitario de Galicia.
Este acceso realízase de acordo co Real Decreto 412/2014 do 6 de xuño, polo que se establece a normativa básica dos procedementos de admisión aos ensinos universitarios oficiais de grao.
Requisitos de acceso comúns
Poden acceder aos estudos oficiais de grao as persoas que reúnan algún dos requisitos establecidos no artigo 3 do Real Decreto citado máis arriba. Son estes:
- Estar en posesión do título de bacharelato e superar a avaliación do bacharelato para o acceso á universidade (ABAU).
- Estar en posesión dun título de técnico superior de formación profesional, de técnico superior de artes plásticas e deseño ou de técnico deportivo superior.
- Superar as probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
- Superar as probas de acceso á universidade para maiores de 45 anos.
- Estar en posesión dunha titulación universitaria ou equivalente.
- Obter o título de bacharelato europeo, bacharelato internacional ou títulos, diplomas ou estudos de bacharel de sistemas educativos de estados membros da Unión Europea ou doutros estados cos que se subscribiron acordos internacionais.
- Persoas que estivesen en condicións de acceder á universidade segundo ordenacións do Sistema Educativo Español anteriores á Lei Orgánica 8/2013.
- O alumnado procedente doutros estudos oficiais cursados en España poderá solicitar o recoñecemento de créditos na administración do centro no que se imparta a titulación que desexa estudar e obter o recoñecemento dun mínimo de 30 créditos ECTS e cumprir os requisitos establecidos no art.3 do Real Decreto 412/2014 e na Normativa de xestión académica da Universidade.
De non obter o recoñecemento, deberá incorporarse ao proceso xeral de admisión.
As ABAU están organizadas para todo o sistema universitario galego por unha comisión mixta entre a Xunta de Galicia nas tres universidades galegas, a Comisión Interuniversitaria Galega, CIUG.
A matrícula das ABAU faise a través da aplicación informática NERTA e, nos casos que proceda, nos lugares de entrega e recollida de documentos LERD, en calquera dos sete campus de Galicia.
Criterios de acceso e admisión
Non existen criterios de acceso distintos dos derivados da limitación de prazas de novo ingreso e os establecidos pola lexislación vixente para os estudos de grao.
A CIUG é a responsable de publicar os criterios e procedementos de admisión nas titulacións de grao do Sistema Universitario Gallego, para cada curso académico, na súa páxina web.
Perfil de ingreso recomendado
A Escola carece de competencias propias para a selección de estudantes no que se refire aos títulos de grao, ao marxe da normativa marcada pola propia UVigo. Con todo, pódese definir unha serie de características xerais que conviría que o estudantado tivese para afrontar con garantías de éxito os estudos que conducen á obtención do grao GETT. Podemos resumilas da seguinte maneira:
- O posible estudantado deberían ter unha boa base matemática e física e coñecementos básicos de inglés, pois gran parte da bibliografía atópase neste idioma e sobre todo porque unha parte das materias optativas serán impartidas en inglés (aínda que sempre existe a opción de realizar a optatividade nos idiomas oficiais da Universidade).
- Entre as posibles orientacións de Bacharelato LOMLOE (e anterior bacherelato LOMCE), a modalidade de Ciencias considérase a máis axeitada para acceder á titulación. Respecto ao anterior Bacharelato LOE, a modalidade máis adecuada é a de Ciencias e Tecnoloxía. Estas vías formativas supoñen unha orientación previa ao estudante cara ás titulacións do ámbito da Enxeñería.
- Ademais, terá acceso todo o estudantado que superase ciclos formativos de grao superior. Estes últimos, en función dos convenios anuais que a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia asinan, poderán ter recoñecemento de créditos en función dos estudos cursados nos devanditos ciclos formativos. Recoméndase ao posible novo alumnado cursar ciclos das familias profesionais “Imaxe e Son”, “Electricidade e Electrónica” ou “Informática e Comunicacións”.
- Dende o punto de vista das habilidades e aptitudes persoais, o estudantado debería ter:
- Capacidade de estudo e vontade de traballo
- Capacidade de abstracción
- Capacidade de síntese e análise
- Capacidade de innovar e capacidade creativa
- Capacidade de relación e comunicación
- Habilidades sociais básicas para o traballo en equipo
- Curiosidade e mentalidade aberta
- Facilidade para adaptarse aos cambios tecnolóxicos
- Interese polas novas tecnoloxías da información (informática, electrónica, física, matemáticas etc.)
Procedementos de acollida e orientación no ingreso
Na seguinte ligazón tés información de interese para a túa nova etapa con nós.
Regulamento e normativa aplicable
Para coñecer en detalle a normativa e regulamentos relacionados cos estudos na UVigo nesta páxina. Tamén destacamos as seguintes ligazóns:
- Información xeral sobre a matrícula
- Información sobre a matrícula de grao
- Recoñecemento e transferencia de créditos
- Normas de xestión académica para titulacións de grao
- Normativa de permanencia e progreso nas titulacións oficiais de grao e de máster
- Mobilidade
- Normativa para a realización do traballo de fin de grao da uvigo