Íñigo Cuiñas Gómez, novo director da Escola

Equipo directivo con Íñigo Cuiñas no centro

Foi elixido director da EET nunhas eleccións ás que concorría como candidato único, tras obter o 88,6% dos votos emitidos. Xa formaba parte do equipo da anterior dirección –Edita de Lorenzo– en calidade de subdirector de Novas Titulacións. No ano 2018 foi reelexido ata o 4 de marzo de 2021.

Nesta etapa ofertáronse dous novos Másters (Ciberseguridade e Visión por computador), ademais dunha liña en inglés para o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, que impulsou o acollemento de estudantes de programas internacionais como o Erasmus.

No referente á calidade, o Grao obtivo a acreditación europea EurACE e a Escola a acreditación institucional, como consecuencia da renovación da acreditación de todas as titulacións de grao e máster, e mais do sistema de garantía de calidade.

Afianzouse o programa de mentorización para estudantado de primeiro curso, MEET, que foi adoptado por outros centros da Universidade de Vigo e apoiado por un equipo multidisciplinar de profesorado voluntario para a formación dos mentores, e mais se deron os primeiros pasos para o establecemento dun programa formal de orientación, orientaTE.

Tamén comezou a renovación e actualización dos espazos interiores do edificio orixinal da Escola, mellorando a habitabilidade das instalacións.

O derradeiro ano desta etapa estivo marcado polo confinamento domiciliario debido á pandemia pola covid-19. Esta situación impulsou a dixitalización da administración e da docencia da Escola e tamén a adaptación dos espazos docentes para unha docencia presencial, mixta ou completamente online, mantendo en todo momento a actividade e dispoñendo de plans de seguridade sanitaria e de continxencia académica actualizados e operativos.