Fernando Pérez González, premio Galicia de Innovación

Foi galardoado pola súa traxectoria e a súa aportación ao desenvolvemento económico e social de Galicia.

Fernando Pérez recibiu o premio de mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo Foto: Xunta.gal (Compostela 24/01/22).

Fernando Pérez, catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Escola De Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, investigador do centro de investigación atlanTTic, e tamén académico numerario da Sección de Ciencias Técnicas da RAGC, foi distinguido o pasado 24 de xaneiro de 2022 cun dos II Premios Galicia de Innovación e Deseño. Estes Premios son unha iniciativa da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), coa que se pretende recoñecer a aqueles profesionais e empresas que, a través da innovación, contribuen ao desenvolvemento económico e social de Galicia.

Fernando Pérez foi galardoado na categoría de Traxectoria innovadora, que recoñece a empresarios e profesionais con experiencia de, polo menos, dez anos neste eido. O xurado elixiu ao docente da UVigo polas súas achegas nos últimos anos ao avance da innovación en Galicia. No acto de entrega dos premios, celebrado na Cidade da Cultura e retransmitido en directo, Pérez recolleu o premio de mans do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Fernando Pérez alumno da primeira promoción de Enxeñaría de Telecomunicación en Vigo, é o único enxeñeiro galego recoñecido como fellow polo Institute of Electrical and Electronics Engineers, a maior asociación de enxeñeiros do mundo. Leva máis de 25 anos transferindo coñecemento ao tecido produtivo de Galicia, e impulsou a creación do centro tecnolóxico Gradiant.

Na súa intervención fixo unha posta en valor do papel das universidades na innovación. Agradeceu o apoio recibido por parte do Grupo de Procesado de Sinal e Comunicacións da UVigo, que el mesmo fundou hai máis de 25 anos; á empresa Televés, coa que ten colaborado en múltiples proxectos e que “sempre foi un estímulo”; ao centro tecnolóxico Gradiant, “a nena dos meus ollos” e aos socios da empresa Optare Solutions, “que fundamos hai 20 anos e que dá emprego a 100 enxeñeiros aquí en Galicia”.

Podes ler o artículo completo publicado no DUVI aquí.