A escola e atlanTTic participan en 'Educación 4.0', proxecto piloto dentro do Plan Nacional de 5G

O proxecto liderado por Orange en colaboración con Capgemini amosa as vantaxes do 5G para mellorar a experiencia educativa universitaria empregando Realidade Aumentada

Un momento na presentación de resultados do proxecto

Clases enriquecidas con contidos 3D, soportados polas novas tecnoloxías 5G, para mellorar as experiencias do estudantado. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolleu a presentación de resultados dun novo proxecto piloto 5G desenvolto, nesta ocasión, por un consorcio liderado pola empresa Orange en colaboración co centro atlanTTic da Universidade de Vigo e a multinancional Capgemini.

Esta nova rede móbil 5G achega ás aulas universitarias as vantaxes da denominada educación 4.0 facilitando a realización de clases virtuais nas que se combinan as tecnoloxías da realidade aumentada coas comunicacións 5G, o que permite enriquecer a docencia con novos contidos avanzados que serán de utilidade non só para o caso de estudantes que sigan as clases desde os seus propios fogares, senón tamén para os que estean presentes na aula.

A iniciativa está enmarcada no Plan Nacional 5G, programa para o desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G que executa a entidade pública empresarial Red.es, impulsada polo Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER.