Dúas estudantes da nosa Escola gañadoras nos Premios GIRLGEEKCOVID

Marielena Márquez Barreiro e Andrea Busto Castiñeira obtiveron, respectivamente, o 1º premio e o accésit dos Premios GIRLGEEKCOVID da Universidade de Vigo na rama de enxeñaría.

Os Premios GIRLGEEKCOVID están destinados as alumnas da Universidade de Vigo de titulacións STEM, e teñen como obxectivo incentivar, apoiar e fomentar os estudos STEM entre as mulleres, contribuíndo a unha sociedade xusta e igualitaria na cal se respecte a igualdade entre mulleres e homes.

Este premio nace no actual contexto de pandemia e a conseguinte crise económica, que afecta en maior medida as mulleres, a fin de promocionar e incentivar os estudos STEM, campo no que hai una menor presenza de mulleres, pese importancia estratéxica deste ámbito na nosa sociedade, o que pode redundar no incremento da fenda de xénero no futuro das novas xeracións.

O premio valora o mellor aproveitamento académico das candidatas, ademais da súa motivación explícita nos estudos STEM.

Na edición do ano 2021 as estudantes da Escola Marielena Márquez Barreiro e Andrea Busto Castiñeira acadaron, respectivamente, o 1º premio e o accésit destes Premios na rama de enxeñaría.

Todo un orgullo! Parabéns! Vos desexamos moitos éxitos!