A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) ven de outorgar as Medallas de Investigación 2023 a cinco científicos que destacan polas súas traxectorias singulares e consolidadas no mundo de la investigación. Un destes cinco recoñecementos na súa quinta edición recaeu en Fernando Obelleiro Basteiro, catedrático do departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) da Universidade de Vigo.
Fernando Obelleiro foi elixido para a medalla Isidro Parga Pondal pola sección de Ciencias Técnicas da RAGC. Xunto ao seu equipo desenvolveu un método no campo do electromagnetismo computacional que supuxo un cambio na dirección das investigacións neste área. As súas contribucións científicas estanse a aplicar na industria, en especial no sector das telecomunicacións, naval, aeroespacial e defensa. Colabora con Navantia e coa Armada Española, aportando melloras nos buques militares que axudan a maximizar as posibilidades de supervivencia en escenarios hostís.
Traballo en equipo
O homenaxeado agradeceu esta distinción dicindo que “non é un mérito individual, senón o premio á traxectoria investigadora que compartín cos membros do meu grupo de investigación, compañeiros e colaboradores cos que fixen o camiño e aos que traslado o meu agradecemento. Sei que isto nos servirá de estímulo para seguir desenvolvendo o noso traballo coa mesma paixón que mantivemos todos estes anos”. Remarcou que a medalla resulta importante para o grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas, para a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o Centro de Investigación atlanTTIc e a Universidade de Vigo“.
Electromagnetismo computacional
Un dos logros máis destacados de Obelleiro é o seu traballo no eido do electromagnetismo computacional. Nunha entrevista en Atlántico Diario Fernando Obelleiro explica que no electromagnetismo computacional había métodos aproximados e métodos exactos, e que cando el comezou a traballar na universidade usaban os aproximados porque os exactos eran moi custosos computacionalmente, pero como son moito máis atractivos, se meteu a investigar por aí. “O método máis popular entre os exactos era nlog(n) –entendendo n como número de incógnitas–, e cando comezamos a traballar nisto vimos que paralelizaba mal, é dicir, que ao facelo correr nun ordenador con moitos fíos de cálculo ao mesmo tempo, chegaba un momento que non compensaba”. Atoparon entón un método moito máis escalable que utilizaba a función de ‘n’ elevado a 1,5 co que lograron o récord do mundo de electromagnetismo computacional e que logo lograron convertelo nun nlog(n) paralelizado no espazo transformado, o que seguía sendo escalable. “Así puidemos analizar con métodos exactos fenómenos que ata entón non se podían”, destaca Obelleiro.
Na actualidade, Fernando Obelleiro traballa na liña de investigación de supercomputación electromagnética e a súa aplicación no deseño de nanoantenas. Esta investigación ten un impacto significativo nun sector en constante evolución como son as telecomunicacións. “A nanotecnoloxía estase metendo por todas partes, xa non só en nanoantenas. Nós traballamos en aplicacións de biosensing e nanoplasmonics. Colaboramos con grupos que deseñan nanopartículas que se detectan en función do seu comportamento fronte a campos electromagnéticos”, explica Obelleiro. Colaboran con Luis Liz Marzán, en temas de biosensing e bioimaging, é dicir, na xeración de imaxes a partir da resposta de nanopartículas a sinais electromagnéticas. “O electromagnetismo está en todas partes”, recalca Obelleiro.
Outros proxectos
Ademais, o seu grupo de investigación creou o Sistema de Servizos Integrados, deseñado para os buques 4.0 que se integrará nas vindeiras fragatas F-110 da Armada Española. Este sistema que naceu co obxectivo de reducir o cableado nos barcos concentra todos os servicios nas luminarias que están distribuídos por toda a superficie. Estas levan todo tipo de sensores e ofrecen todo tipo de servizos, e entre si forman unha rede de comunicación de altas capacidades que se pode asemellar ao que é o ‘sistema nervioso do barco’, resalta Obelleiro.
O futuro das telecomunicacións
Preguntado sobre cal cre que pode ser o seguinte gran avance en telecomunicacións, Fernando Obelleiro conta que na actualidade hai dificultade para atopar enxeñeiros con certo grao de especialización en TIC, que a oferta supera á cantidade de xente cualificada para asumila. Tamén destaca que o mundo está cambiando moi rápido e a velocidade de cambio crece de forma exponencial. E que coa intelixencia artificial e o crecemento en capacidade de computación estase acelerando todo, pero que vai haber avances e transformacións no ámbito das TIC e que agarda que os profesionais saibamos enfocalos para mellorar a vida das persoas.
Fonte Atlántico Diario. Podes ler a entrevista completa en Atlántico Diario.