Dúas estudantes da Escola premiadas polos seus traballos con perspectiva de xénero

Henar Mariño Bodelón obtivo o premio GirlGeekCovid e Laura González Lemos foi a gañadora do concurso de microrrelatos Contos-EME 2022.

Os Premios GirlGeekCovid, unha iniciativa impulsada pola UVigo e a Deputación de Pontevedra no marco da Cátedra de Feminismos 4.0, están destinados ás alumnas da Universidade de Vigo de titulacións STEM, e teñen como obxectivo incentivar, apoiar e fomentar os estudos STEM entre as mulleres, contribuíndo a unha sociedade xusta e igualitaria na cal se respecte a igualdade entre mulleres e homes. A finalidade destes premios é distinguir e poñer en valor o mellor aproveitamento académico das candidatas, ademais da súa motivación explícita nos estudos STEM. Para participar as candidatas tiñan que presentar unha carta de motivación amosando as razóns que as levaron a optar por realizar estudos universitarios no ámbito das STEM e, facer tamén unha reflexión sobre a súa experiencia persoal como mulleres nun ámbito tradicionalmente masculinizado. O 1º premio na rama de enxeñaría, cunha dotación económica de 2000€, foi para a estudante do Bachelor Degree in Telecommunication Technologies Engineering (BTTE) Henar Mariño Bodelón.

O certame Contos para a Escola de Minas e Enerxía (Contos_EME 2022) é un concurso de microrrelatos encadrado no marco do compromiso pola igualdade da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EEME). Este ano 2022 celebrouse a primeira edición do concurso, co que a EEME se une á celebración do 1º Día Internacional da Muller na Minería. A participación estivo aberta tanto ao alumnado de grao e mestrado da UVigo como ao alumnado de Bacharelato e os textos debían comezar coa frase: “Cando ela nos dixo que ía estudar Enxeñaría na Escola de Minas e Enerxía…” tanto en galego como en castelán. O premio na categoría de alumnado da UVigo, cunha dotación económica de 200 €, foi para a estudante do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (GETT) Laura González Lemos.

Parabéns Henar e Laura polos premios obtidos! Vos desexamos moitos éxitos!

Henar Mariño Bodelón

Henar está a estudar o Bachelor Degree in Telecommunication Technologies Engineering (BTTE), falamos con ela preguntándolle a razón pola que optou por esta titulación subliñou o seguinte: “Sempre que dicía a carreira que ía estudar, asustábanme respondendo que ‘era para xente moi intelixente’ ou ‘que o meu expediente non sería o mesmo que o do instituto’. Ao final, tes que ter claros os teus obxectivos e loitar por conseguilos aínda que o camiño non sexa fácil. Estou moi orgullosa de todo o que estou conseguindo con tanto esforzo, e coa satisfacción de que estou estudando o que máis me gusta. Para rematar, agradezo a oportunidade que me brindou este premio de poder reflexionar sobre como, por que e grazas a quen, cheguei ata onde estou. Oxalá isto sirva para motivar a outras nenas a gozar das STEM como eu o fago.”

Laura González Lemos

Laura está a estudar o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (GETT), falamos con ela e preguntándolle polo relato que presentou ao concurso. “Para a temática do meu relato escollín os incendios que arrasan Galicia e os seus montes todos os veráns, e como as accións das persoas e da nosa sociedade afectan nestas catástrofes. Como fío condutor decanteime pola cor verde, a cal lle da título ao texto, que é a máis representativa da nosa paisaxe”. Laura tamén nos di que “quero dar as grazas aos organizadores deste concurso por darme a oportunidade de retomar a miña paixón pola escritura e por considerar o meu relato merecedor deste premio.”