A EET acolle a primeira edición de TalentoCiberR, un evento que busca visibilizar o talento en ciberseguridade en Galicia

A xornada que inclúe dous obradoiros, unha mesa redonda e unha competición C3TF, fomentará novas vocacións en ciberseguridade.

Visibilizar o talento en ciberseguridade de Galicia e fomentar novas vocacións situando no mesmo espazo a profesionais e alumnado son os obxectivos da primeira edición de TalentoCibeR, unha iniciativa do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, xunto coa Cátedra R en Ciberseguridade (UVigo, UDC e a empresa R) e o CITIC da Universidade da Coruña.

A xornada, que conta co apoio da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) da Universidade de Vigo, a Facultade de Informática da Universidade Coruña, o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol e Microsoft, terá lugar o 14 de marzo e o programa incluirá obradoiros prácticos, unha mesa coloquio e a terceira edición da competición C3TF, en formato Capture The Flag. O encontro celebrarase en formato híbrido, presencial na EET en Vigo e en liña no CITIC en A Coruña.

Obradoiros e charlas sobre ciberseguridade

TalentoCibeR comezará coa celebración de dous obradoiros en paralelo: un dirixido ao alumnado de FP (ciclos na área TIC) e outro a alumnado de graos técnicos (IA, Datos, Informática, Telecomunicacións, Industriais…).

No primeiro obradoiro, “O inicio do procedemento forense informático: adquisición de evidencias en PC, móbiles e pendrives USB”, impartido por Rafael López García, profesor do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol, ensinarase a adquirir certas evidencias forenses en distintos dispositivos empregando tanto ferramentas hardware (clonadoras) como ferramentas software gratuítas (FTK Imager, Caine, adb, WhatsApp Key/DB Extractor, Avilla Forensics, etc). Celebrarase na aula T214 da EET e na sala Network do CITIC.

O segundo obradoiro, “Nova era: seguridade holística en Microsoft 365 e resposta automatizada antes incidentes usando IA”, impartido por Manuel García González, senior security architect de Microsoft, enfocarase na suite de licenciamento de Microsoft 365 E5 na xestión de licenzas trial. Terá lugar no salón de graos da EET e no CITIC.

A continuación terá lugar a mesa coloquio “Empregabilidade e saídas profesionais de ciberseguridade” na que representantes das universidades de Vigo e A Coruña, xunto a profesionais de empresas galegas, darán resposta a cuestións como o futuro que pode abrirse unha vez rematada a formación universitaria ou de FP ou cales son os perfís nacionais e internacionais da carreira profesional en ciberseguridade, entre outras. Finalizado o debate, o público asistente poderá intercambiar impresións cos relatores nun petisco. Será no salón de graos da EET e na sala Cloud do CITIC.

Para participar nos obradoiros e na mesa coloquio cómpre inscribirse previamente neste formulario.

Competición C3TF

A xornada incluirá tamén a celebración da terceira edición do C3TF, unha competición en formato CTF (Capture The Flag) ou captura a bandeira, na que os e as participantes de bacharelato, formación profesional, grao e máster de centros educativos de España terán que resolver durante catro horas e no menor tempo posible diferentes retos relacionados con ámbitos da ciberseguridade.

Para coñecer as condicións de participación e inscribirse no C3TF, que ten prazas limitadas, haise que rexistrar na web c3tf.io.

Repartiranse tres premios ao ciber reto, financiados pola Cátedra R en Ciberseguridade, aos equipos gañadores: o primeiro recibirá 1000€, o segundo 700€ e o terceiro premio será de 400€.

Fonte DUVI.