O pasado xoves 25 de xaneiro, durante o acto de presentación da 2ª edición das Olimpíadas de Teleco, tivo lugar a entrega dos premios aos dous estudantes cos mellores expedientes de entrada no Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación no curso 2023/2024. Os/as galardoados, Rocío Fernández Álvarez e Iván González García, recibiron un premio de 2000 euros, financiados polas empresas Optare Solutions e BorgWarner -ambas pertencentes á rede Conexión | Teleco de empresas colaboradoras coa EET, coas que o centro mantén unha estreita relación tanto na formación do alumnado como no ámbito da investigación-.
Estes premios, que por segundo ano contaron co patrocionio de Optare Solutions e BorgWarner, buscan atraer talento ás aulas. As empresas amosan desta forma unha clara aposta polo talento da EET da UVigo, esperando que máis estudantes se animen a cursar esta titulación, xa que teñen unha alta demanda polas empresas.
Alumnado premiado
Dun xeito especial viviu esta data Rocío Fernández, xa que hai apenas un ano ela era unha desas alumnas que visitaban por primeira vez a escola para participar nas olimpíadas. “Eu xa tiña claro dende fai moito tempo que quería estudar Enxeñaría de Telecomunicación, así que poder participar nas Olimpíadas fíxome moitísima ilusión”, explicou a alumna, quen admite sentirse “moi contenta” coa opción elixida.
Igual de ilusionado amosouse tamén o seu compañeiro Iván González, quen recalca que “dende pequeno encantábanme os ordenadores e todo o relacionado coa informática e as telecomunicacións”. Dubidou entre unha e outra titulación, “pero escoitando a experiencia doutras persoas escollín a que, na miña opinión, é máis versátil e ten máis saídas profesionais”, salienta o alumno, quen non dubida en recomendar a titulación a todas as persoas ás que lles atraia o mundo das TIC. “Fixen moitos amigos nada máis entrar, o ambiente é moi bo e a xente axuda un montón, polo que se leva de maneira moi doada”.
Parabéns a Rocío e Iván polo seu traballo!