Javier Español, Eloi Pena e Martín Liz, distinguidos pola UVigo pola súa 'excelencia académica'

Enxeñeiros de Telecomunicación, Javier e Eloy recibiron premios extraordinarios fin de grao e Martín de doutoramento.

A Universidade de Vigo celebrou o pasado día 26 de xaneiro de 2024 o seu patrón, San Tomé de Aquino, e fixoo, como é tradicional, premiando ás súas alumnas e alumnos máis excelentes. No acto 160 estudantes da UVigo recibiron os galardóns que as e os acreditan como o alumnado máis excelente de grao, doutoramento e mestrado dos dous últimos cursos.

Exemplos dun “conxunto de talento e esforzo que vai facer que a sociedade na que nos inserimos sexa mellor”. Así se referiu o reitor, Manuel Reigosa, aos 160 estudantes que este venres recibiron no acto de San Tomé os premios cos que a Universidade de Vigo busca recoñecer a excelencia dos seus titulados e tituladas. Ademais do recoñecemento das autoridades académicas, premiados e premiadas recibiron tamén a petición de que se convertan en “embaixadores e embaixadoras” da institución académica e que contribúan así a que a UVigo poida mellorar nunha das súas “materias pendentes”, como lembrou Reigosa, que é que “queremos ter máis influencia na sociedade”.

Dos premios extraordinarios fin de grao entregados dous foron para estudantes de Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET). Javier Español Alfonso no Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (GETT) e Eloi Pena Gómez no Bachelor Degree in Telecommunication Technologies Engineering (BTTE).

E, dos premios extraordinarios de docutoramento un dos entregados no ámbito da enxeñaría e arquitectura foi para Martín Liz Domínguez, ex estudantes do Grao en Enxeñaría de Telecomunicación e do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, e na actualidade investigador no centro atlanTTic da UVigo. A súa tese de doutoramento foi dirixida por Martín Llamas Nistral e Manuel Caeiro Rodríguez, ambos docentes da EET e investigadores de atlanTTic.

Parabéns a Javier, Eloi e Martín polos seus notables logros, augurámoslles un futuro cheo de éxitos nos seus respectivos campos. A súa dedicación e esforzo son un exemplo inspirador para a futuros estudantes da EET.