Comeza a conta atrás para a 2ª edición das Olimpíadas de Teleco, unha cita que o curso pasado trouxo ata a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) da Uiversidade de Vigo a máis de 250 estudantes de ESO, Bacharelato e FP que tiveron neste centro o seu primeiro contacto ‘profesional’ co mundo das tecnoloxías. Satisfeitos co éxito acadado nesa primeira edición, a EET xa ten todo listo para unha segunda edición. Esta semana abriuse o prazo de inscrición –ata o 30 de novembro– e desde a escola iniciouse xa a difusión desta actividade nos centros de ensino secundario de toda Galicia.
A iniciativa, de carácter nacional, está organizada por unha veintena de escolas de enxeñería de telecomunicación de toda España, o Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación, COITT, e a Asociación Española de Graduados & Ingenieros Técnicos de Telecomunicación, AEGITT, co obxectivo de promover a enxeñaría de telecomunicación entre a mocidade. A olimpíada reta ao alumnado de ensino medio a demostrar como as telecomunicacións axudan á sociedade. O ano pasado a competición centrouse no ODS 11 da Axenda 2030 referido ás cidades e comunidades sostibles, e este ano serán os temas de saúde os que protagonicen esta cita ao centrarse no ODS 3 da Axenda 2030: saúde e benestar.
Tras a boa experiencia da primeira edición nesta segunda edición hai interesantes novidades como a ampliación a tres as categorías de participación por equipos ao incluir unha para alumnado de Bacharelato, mantendo igualmente a modalidade individual para este nivel educativo. Ademais, poderán participar máis dun equipos por centro educativo na mesma categoría.
A final galega será en abril e a nacional en maio
Equipos de ata 6 persoas en tres categorías -competindo cada categoría de forma independente- formados por (i) estudantes de 2º, 3º e 4º de ESO; (ii) estudantes de Bacharelato e (iii) estudantes de FP (grado medio e/ou superior), terán que crear un proxecto relacionado co mundo da saúde, empregando kits de placas programables compatibles co IDE de Arduino e as comunicacións. Ademais, o alumnado de Bacharelato tamén poderá competir de forma individual, realizando unha proba escrita na que haberá que resolver problemas relacionados coa enxeñaría de telecomunicación.
A fase clasificatoria galega celebrarase na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación entre o 22 e 26 de abril e de aí sairán os equipos que representarán a Galicia na final nacional, que se celebrará en maio. Grazas ás empresas colaboraboradoras Indra, BorgWarner, Televes, e R entregaranse premios en metálico na competición por equipos á mellor proposta técnica (400 €), á proposta máis orixinal (300 €) e á proposta máis aliñada co ODS3 (200 €), e, no caso da competición individual, daranse tamén tres premios de 400 €, 300 € e 200 €.
Todos os detalles se poden consultar na seguinte ligazón.
Fonte DUVI.