A pandemia da covid-19, a crise de subministros, os prezos da enerxía e agora a guerra en Ucraína están poñendo o tecido empresarial europeo nunha situación moi complexa que, ademais, coincide cun proceso de dixitalización que está a mudar irreversiblemente os modelos de fabricación e de negocio. Para analizar como as empresas poden adaptarse a este contexto, o venres, 25 de marzo de 2022, o campus de Vigo acolleu I Encontro Ágora, unha xuntanza de representantes da administración, a industria e a administración nunha xornada organizada pola Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo.
O evento, dividido en tres mesas temáticas, permitiu analizar o nivel de dixitalización da industria galega e debater sobre as fábricas do futuro, as transformacións derivadas do 5G, a computación cognitiva ou os robots colaborativos. Nas mesas participaron oito enxeñeiras e enxeñeiros de telecomunicación titulados na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universdade de Vigo.
A primeira mesa de debate contou coa participación de Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación; Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Manuel Ángel Alonso, director xeral de Telefónica Norte e Ignacio Bueno, director de Stellantis Vigo. Todos eles coincidiron en destacar que o proceso de dixitalización é imparable, pero a pandemia acelerouno obrigando a empresas e administracións a apurar o paso. “Estamos”, destacaba o vicepresidente da Xunta, “nun novo contexto, inmersos nun proceso vertixinoso de reversión da globalización e camiñamos, de feito, cara a desglobalización e relocalización”. Neste escenario o local adquire cada máis importancia e, engadía Conde, “temos que adaptarnos todos con moita rapidez e intensidade, e iso só o imos poder facer se somos quen de colaborar”.
Neste sentido, tanto Conde como reitor fixeron fincapé en que este escenario tamén presenta oportunidades e, para aproveitalas, cómpre avanzar en dous sentidos: a colaboración público-privada e os ecosistemas de innovación aberta.
A segunda mesa da xornada contou coa participación de persoal investigador da Universidade e de representantes da Xunta e empresas, que reflexionarán sobre os avances tecnolóxicos e as súas implicacións sociais. Participaron Mar Pereira, directora de Amtega; Paula Beirán, directora de Telefónica en Galicia e Asturias; Juan José Areal, responsable de Proxectos de Innovación de Stellantis-Vigo; Rebeca Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo; Carlos Prado, catedrático da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo e Luis Álvarez-Sestelo, CEO Optare Solutions, que se encargou da moderación, xunto con estudantes e docentes. Nesta sesión debateuse sobre diferentes perspectivas de futuro como os efectos que poden ter no emprego a robotización, os espazos de fabricación intelixente, os robots colaborativos ou a automatización.
Na xornada tamén se presentaron as actividades que desenvolve a Cátedra Telefónica-UVigo que, dirixida polo profesor da EE Industrial José Cidrás, botou a andar en 2013. Nesta mesa, o docente estivo acompañado por Felipe Gil, profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e investigador principal do proxecto Red 5G; Guillermo Fernández Sánchez, alumno de Enxeñería Industrial e mellor orador da Liga Española de Debate Universitario STEM 2021 e Martina Páramos, alumna de Enxeñaría de Telecomunicación e Premio Sofia: Reto IA para el Hogar.
O evento pechouse cunha terceira mesa de debate sobre tecnoloxías e innovación aplicadas á prevención de incendios forestais, na que participaron Fernando Veiga, subdirector xeral de Extinción da Consellería do Medio Rural; Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra; Julia Armesto, docente da Escola de Enxeñaría Forestal e Fernando Aguado e Verónica Santalla, profesores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Podes ler a noticia completa, publicada no DUVI aquí.