Por segunda vez na súa historia –a primeira foi no 2009 con Edita de Lorenzo-, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación volve ter unha directora á súa fronte, a profesora Rebeca P. Díaz Redondo que, tras enfrontarse nas urnas ao docente José Carlos López Ardao, acadou o apoio maioritario da xunta de centro nas eleccións celebradas este mércores na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, unha cita electoral que estivo marcada polas estritas medidas de seguridade fronte a covid-19. Emitíronse 136 votos, dos que 81 foron para a candidatura encabezada por Rebeca P. Díaz e 54 para a de José Carlos López Ardao.
A vitoria nas urnas de Rebeca P. Díaz, pon fin a unha etapa de seis anos na que a escola estivo dirixida polo profesor Íñigo Cuiñas. Rebeca P. Díaz Redondo defendeu o bo traballo desenvolvido polas direccións anteriores e, en concreto, pola agora saínte. Nesta nova etapa procurará reforzar os numerosos puntos fortes da escola e traballará aqueles aspectos que se poden e deben mellorar, tendo en conta os desafíos dos próximos anos.
Xunto a Rebeca P. Díaz, forman parte do novo equipo directivo os docentes Pedro Rodríguez Hernández, como Secretario e subdirector de Novas Titulacións; Pedro Comesaña Alfaro, como subdirector de Organización Académica; María Loreto Rodríguez Pardo, como subdirectora de Calidade; María Verónica Santalla del Río, como subdirectora de Infraestruturas e Relacións Internacionais; e Laura Docío Fernández, subdirectora de Difusión e Captación de Alumnado.
A curto prazo o obxectivo do novo equipo directivo será sistematizar os procesos de difusión e visibilización da actividade da escola e mellorar os procedementos de acompañamento/mentorización do alumnado do centro; mentres que a medio prazo teñen claro que é prioritario será conseguir diversificar a oferta formativa do centro con acordos internacionais e programas conxuntos de estudos, así como ampliar a oferta de cursos propios para profesionais do sector TIC e que a EET poida ter un papel relevante na formación de profesionais en sectores estratéxicos coma os identificados no documento G2030 da Xunta de Galicia que están intimamente relacionadas coa actividade investigadora e co coñecemento impartido na EET (coma a Internet das Cousas, as tecnoloxías DLT e Blockchain ou as tecnoloxías cuánticas).