Dous dos actores máis relevantes das tecnoloxías 5G en Galicia, o Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo (atlanTTic), liderado por docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) da Universidade de Vigo, e Gradiant, firmaron o pasado xoves un convenio de colaboración co que formalizan o seu interese de sumar capacidades e incrementar a transferencia de resultados tecnolóxicos ao tecido industrial. Este convenio facilitará un importante incremento da cooperación científico-tecnolóxica entre ambas instucións, que xa se viña realizando, “nunha liña tan estratéxica para o país como son as tecnoloxías avanzadas 5G”, tal e como subliñou o reitor Manuel Reigosa, encargado de rubricar o acordo xunto ao director xeral de Gradiant Luis Pérez Freire.
As actuacións conxuntas que se levarán a cabo as definirán, por parte da UVigo, os profesores da EET, e tamén investigadores de atlanTTic, Felipe Gil Castiñeira e Francisco Javier González Castaño, mentres que, no caso de Gradiant, os representantes serán o propio Luis Pérez Freire e o xerente, Fernando Jiménez. “Levamos moito tempo colaborando pero formalizar o acordo sempre axuda a dinamizar as cousas”, subliñou tras a sinatura o profesor Felipe Gil, en representación do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Universidade de Vigo.
O documento asinado contempla tamén a posibilidade de compartir infraestrutuas e equipamentos, establecéndose xa no propio convenio un anexo no que se especifica os principais equipos cos que conta cada unha das partes. “Temos claro que se van partillar tanto capacidades humanas como infraestruturais e, desde logo, estamos chamados a entendernos sempre”, recalcou pola súa banda o reitor, quen tamén fixo fincapé en que “a nivel de país o 5G vai a xogar un papel moi importante, sobre todo tendo en conta a dispersión xeográfica de Galicia”. Nesta liña, lembrou que os laboratorios 5G de Gradiant e do grupo GTI da Universidade de Vigo, amparado este último co convenio con AMTEGA e RETEGAL, “están xa considerados como referentes a nivel nacional”.
Na procura de máis transferencia de resultados á industria
Tal e como se establece nas propias cláusulas do convenio, o obxectivo principal da colaboración é a transferencia de resultados á industria, fomentando e facilitando a chegada da investigación ao mercado a través do desenvolvemento conxunto de tecnoloxías, demostradores e probas de concepto, xunto con outras actividades que, en xeral, faciliten a conexión dos investigadores coa industria e a aplicación práctica dos seus resultados.
Entre as múltiples actividades a desenvolver no marco deste acordo inclúese a proposta e desenvolvemento conxunto de proxectos de I+D que teñan como obxectivo o progreso científico-técnico na área das tecnoloxías 5G e a transferencia de resultados ao sector industria, podendo desenvolverse estes proxectos, de maneira exclusiva entre ambas institucións ou conxuntamente con outras entidades. A maiores inclúese tamén a proposta e realización conxunta de traballos académicos, incluídas as teses de doutoramento, os traballos fin de mestrado (TFM) e os traballos fin de grao (TFG). Neste sentido, ambas partes manifestaron o seu interese en definir conxuntamente liñas de investigación de interese común que poidan dar lugar a estudos deste tipo que, no seu caso, estarían co-titorizadas por un investigador senior de cada parte. No caso concreto das teses de doutoramento, o estudante estaría vinculado formalmente ao programa de doutoramento Doc-TIC, independentemente de súa vinculación como bolseiro ou contratado de calquera das partes.
Leer a noticia completa no DUVI.