O alumnado do programa de doutoramento en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (DocTIC) tivo o pasado venres 10 de xuño a súa sesión anual de avaliación. Un total de 52 estudantes presentaron este venres na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) os avances nas súas investigacións e explicaron ante unha comisión composta por docentes da EET os puntos centrais das súas teses.
Este programa de doutoramento, promovido pola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o centro de investigación atlanTTic, céntrase na formación de profesionais e investigadores no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) e en xerar investigación de calidade e impacto internacional, así como en proporcionar á industria profesionais con coñecementos avanzados que lles permitan mellorar a súa competitividade a escala global. Como explica o seu coordinador, o profesor Manuel García Sánchez, «a avaliación anual é obrigatoria en todos os programas de doutoramento e, con ela, apróbase tamén o recoñecemento das actividades formativas desenvolvidas durante o curso, algunhas delas obrigatorias para poder ler a tese». O que diferencia este programa de doutoramento doutros impartidos pola UVigo é que para presentar estes resultados optouse por organizar unha especie de «pequeno congreso internacional, no que o alumnado expón publicamente o seu traballo mediante pósters e recibe preguntas e comentarios do resto de asistentes».
Este formato e o feito de desenvolverse toda a xornada en lingua inglesa, destaca o docente, serve ás e aos investigadores novos para aprender a «preparar, presentar e defender un póster cos seus resultados de investigación». Ademais, ao longo da xornada poden ver como se desenvolven os seus compañeiros e «facilita a interacción, podendo ver como os máis experimentados abordan e resolven os problemas que se plantexan na súa investigación e, ás veces, incluso un método empregado por un vale para o problema de outro».
Sobre os proxectos de tese presentados este venres, García Sánchez explica que «a temática é moi ampla, porque as TIC son tecnoloxías transversais». Por exemplo, entre os traballos que se están a desenvolver neste curso «hai un número importante de teses relacionadas coa saúde e a detección de enfermidades, e tamén hai varias centradas na ciberseguridade e nos retos que impoñen as futuras comunicacións máis aló do 5G».
Ademais da presentación dos traballos, a xornada contou coa presenza do investigador da Universidade de Verona Manuele Bicego, que abordou nun relatorio o potencial para recoñecemento de patróns dos ‘random forests’, unha técnica de aprendizaxe automática que conta cunha capacidade de xeneralización moi alta para moitos problemas.
A noticia completa no DUVI.