Todo un éxito das dúas xornadas dos LPRO Days 2022

A canteira da Escola amosa a seu potencial con solucións TIC para medio ambiente, agro, saúde, fogar…

O pasado xoves 5 e venres 6 de maio, como cada final de curso, a EET celebrou os LPRO Days, unha feira tecnolóxica na que o alumnado da materia Laboratorio de Proxectos, do último curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, presentan os seus innovadores traballos. Nesta edición presentáronse 14 proxectos, realizados por 84 estudantes baixo a coordinación de 15 docentes e, por primeira vez, ademais de na propia escola, as xornadas celebráronse tamén no Museo Verbum de Vigo coa colaboración do Concello de Vigo.

Como si se tratase dunha feira tecnolóxica profesional, cada equipo conta cun expositor propio no que explicar aos asistentes as principais características e innovacións dos seus proxectos, experimentar cos prototipos ou, simplemente, intercambiar ideas sobre os resultados e experiencias que foron xurdindo ao longo de todo o desenvolvemento do proxecto. Como cada edición a variedade temática das propostas é a gran protagonista e, se ben non hai xurado como tal, desde Gradiant, Optare Solutions, CTAG, Imatia e Quobis outorgarán cadanseu premio de 500 euros aos proxectos máis creativos ou con máis viabilidade de converterse en realidade.

O xoves tivo lugar a presentación dos proxectos na Escola, onde o público destinatario foi a comunidade universitaria, destacando a presenza de docentes e estudantes. O corredor principal da Escola encheuse de postos e, en cada un deles, as alumnas e alumnos explicaron a todas as persoas interesadas os detalles dos seus proxectos, múltiples propostas de I+D+i sobre domótica, realidade virtual, monitorización, aplicacións web…

O venres o estudantado trasladou os seus prototipos e expositores ao Museo Verbum para celebrar unha xornada na que, pola mañá, cerca de 400 escolares de educación pre-universitaria de 8 centros educativos (CPR Plurilingüe D. Bosco Salesianas, IES Pedra da auga de Ponteareas, IES Coruxo, IES Rosais II, IES Castelao, IES Alexandre Bóveda, El Castro e CPR Daniel Castelao) poideron ver, experimentar e tocar os prototipos dos diferentes proxectos. E xa pola tarde abriuse a xornada a empresas e familias.

O alcalde de Vigo Abel Caballero que acudiu para a clausura do evento, tamén quixo coñecer todos os detalles dos proxectos presentados polos alumnos de TelecoVigo. Ademáis de Abel Caballero, polo Verbum tamén se achegaron a coñecer e probar os prototipos Uxía Blanco, concelleira de Normalización Lingüística e Igualdade e Ana Mejías concelleira de I+D.

A xornada rematou coa entrega de premios e o acto de clausura, no que participaron Martín Llamas, director do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic , Rebeca Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, Abel Caballero, alcalde de Vigo e Manuel Caeiro Rodríguez, coordinador do evento.

Os cinco proxectos premiados foron:

  • Nezha, un sistema de apoio para incursións de rastrexo e localización de persoas desaparecidas, recibiu o premio por parte de Gradiant.
  • VI-COIN, un sistema de xestión de servizos que ofrece unha administración aos usuarios en base a unha criptomoeda propia, e baseado nas redes Blockchain, recibiu o premio de Optare Solutions.
  • GYMVision, unha aplicación web coa que se pretende achegar o deporte a calquera tipo de usuario, recibiu o premio do CTAG.
  • Biomonitor, un proxecto que pretende facilitar o labor dos gandeiros de manter o benestar dos seus animais de granxa, recibiu o premio de Imatia Innovation.
  • PrepTalk VR, un proxecto no que o emprego da realidade virtual serve para mellorar a oratoria, recibiu o premio de Quobis.

A EET agradece a todas a persoas que se pasaron pola Escola e polo Museo Verbum a coñecer os proxectos do estudantado.