Remata o obradoiro-reto titulado “Es quen de facer chegar á terra os datos detectados por unha boia mariña?” proposto pola empresa Marine Instruments (unha das empresas mecenas da rede Conexión Teleco), en coordinación coa Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) a través do programa orientaTE. O obradoiro centrado na comunicación sen fíos de datos sensorizados dende nodos illados estaba dirixido a estudantes do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación.
O obradoiro tiña como obxectivo principal proporcionar ao estudantado participante dunha situación cuasi-real que se poderían atopar nunha empresa como Marine Instruments nunha futura incorporación, na cal se lle pida que modifiquen ou incorporen funcionalidades a un hardware existente, e que o cliente proporciona uns requisitos que poden ser algo “escasos”, o que obriga a comunicarse co cliente para acadar unha solución óptima.
A actividade trataba de montar e programar a primeira boia que fabricou a empresa (boia M3i) acadando os seguintes retos parciais:
- Realizar a detección de diversos obxectos usando o transdutor de ultrasons.
- Envío de unha mensaxe usando o modem Iridium implementado. Esta mensaxe ten que conter unha medida realizada usando o transdutor de ultrasons.
- O conxunto debe permanecer funcionando durante unha semana.
Para elo se lles proporcionou todo o hardware necesario: a placa, un programador para o microcontrolador, o módem de iridium, a ecosonda que detecta o peixe baixo a boia, o panel solar e unhas baterías.
O obradoiro constou de oito sesión presenciais dunha hora de duración, nos meses de marzo e abril, nas que o persoal de Marine Instruments explicaron ao estudantado participante o funcionamento dos dispositivos guiándoo cara a resolución software do proxecto.
Para rematar o obradoiro o estudantado participante realizaron unha visita guiada polas instalacións de Marine Instruments, situadas en Porto do Molle (Nigrán), onde viron todas as salas e os procesos polos que pasan os distintos produtos que desenvolve a empresa de principio a fin.
O estudantado participante asegura que “foi unha experiencia interesante e moi enriquecedora, non só por achegarnos ao mundo laboral entendendo o funcionamento dun proxecto con aplicación directa no mesmo, se non tamén polo interese e dedicación do noso coordinador, Daniel Vila, que nos guiou nesta experiencia con moita paciencia”. Destacan tamén que “a pesar de non rematar coa boia completamente funcional, fomos quen de aplicar distintos conceptos teóricos do grado en hardware comercial real”. Preguntados pola súa opinión sobre este tipo de actividades indican que “este tipo de experiencias son moi enriquecedoras para o alumnado e animamos ás persoas implicadas na organización deste tipo de actividades a ofertar máis opcións e a integralas nas prácticas das materias”.
O vindeiro curso haberá unha nova edición deste obradoiro-reto.