Éxito da 'I Xornada de Portas Abertas Teleco' celebrada a nivel nacional

As e os asistentes puideron coñecer, da man de docentes e alumnado da EET, as súas instalacións e as titulacións que se imparten no centro

Foto de familia das e dos participantes na xornada de portas abertas

Preto de 60 persoas, maioritariamente estudantes, algúns acompañados polas súas familia e outros por docentes, participaron este xoves 2 de marzo na primeira xornada de portas abertas Teleco celebrada na EET conxuntamente con outras 18 escolas de enxeñaría de telecomunicación de España, o que lles permitiu coñecer un pouco máis de preto o apaixoante mundo da enxeñaría de telecomunicación, que desempeña un papel central no proceso de transformación dixital da sociedade. Coprobaron como son por dentro as Escolas onde se imparte esta enxeñaría, os estudos que cursa o seu alumnado, e o gran abanico de saídas profesionais que ofrece.

A sesión comezou cunha conexión en liña na que os e as participantes na xornada das 18 escolas implicadas asistiron a unha conferencia do enxeñeiro de telecomunicación, docente e youtuber, fundador da web Unicoos, David Calle, e outra do director da Oficina Científica de Navegación por Satélite da Axencia Espacial Europea, Javier Ventura. Un exemplo de enxeñeiro de telecomunicación que lidera un proxecto para establecer comunicación estable coa Lúa. Requisito previo fundamental para que en 2026, segundo está previsto, volvamos ver persoas pisando a superficie lunar 50 anos despois. “Algo un pouco difícil sen telecos”, explicou Javier. Tamén destacou que estamos no momento “máis relevante” dos apenas 100 anos de historia das telecomunicacións: “Todos traballan con información”. E subliñou a importancia que ten para os mozos que o seu traballo teña impacto social: “O que facemos ten un impacto social extraordinario. Estamos ao servizo dos demais”.

A xornada continuou na EET da UVigo cunha visita ás instalacións e laboratorios do centro, nos que as es os asistentes puideron experimentar, da man dun equipo de docentes e investigadores e investigadoras da escola, a potencialidade das tecnoloxías nos laboratorios de 5G, cámaras anecóicas, laboratorio de fotónica para comunicacións ópticas e cuánticas, drons e satélites.

“Esta era a primeira vez que se facía unha xornada de portas abertas a nivel nacional e aínda que recibimos a institutos do noso centro de xeito habitual, esta ocasión era especial”, explica Rebeca Díaz, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, que asegura esta “moi satisfeita coa acollida que tivemos, cun alumnado moi participativo, con gañas de coñecer e experimentar nas nosas instalacións, así como de coñecer a potencialidade dos estudos que ofertamos”.