Isabel Expósito Pérez e Pablo Fondo Ferreiro, galardoados con sendos premios extraordinarios de doutoramento

Enxeñeira e enxeñeiro de Telecomunicación pola nosa Escola, están entre os vinte e dous estudantes distinguidos pola UVigo.

Isabel Expósito e Pablo Fondo coa directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Rebeca Díaz.

A Universidade de Vigo celebrou o pasado día 27 de xaneiro o seu patrón, San Tomé de Aquino, e fixoo, como é tradicional, premiando ás súas alumnas e alumnos máis excelentes. Máis de 150 estudantes da UVigo recibiron os galardóns que as e os acreditan como o alumnado máis excelente de grao, doutoramento e mestrado dos dous últimos cursos.

A celebración do patrón da Universidade, San Tomé de Aquino, estivo protagonizada un ano máis por quen o reitor, Manuel Reigosa, definiu como “unha colleita de xente ben preparada”, dos que dixo “sodes o futuro”, nun acto celebrado este mediodía no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Ante o alumnado premiado e as súas familias, o reitor gabou o seu esforzo e talento, nun discurso que centrou en destacar a evolución experimentada pola UVigo, que a sitúan entre as 600 mellores da mundo, así como os retos que enfronta e que aparecen recollidos no seu Plan Estratéxico, e entre os que destacou: ter unha universidade galega, igualitaria e internacional.

Dos 22 premios extraordinarios de doutoramento entregados dous foron para Isabel Expósito Pérez e Pablo Fondo Ferreiro, ex estudantes do Grao en Enxeñaría de Telecomunicación e do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, que se trasladaron ao campus de Vigo desde Portugal onde están a facer unha estadía de investigación posdoutoral.

Isabel Expósito Pérez

A enxeñeira de telecomunicación pola nosa Escola Isabel Exposito está a realizar unha estancia postdoutoral no Instituto Politécnico de Leiría tras conseguir unha axuda María Zambrano do Ministerio de Universidades. “A bolsa e o premio son unha motivación para seguir na investigación porque é unha carreira na que nunca sabes que pode pasar e se vas seguir tendo oportunidades. E cáusame moita satisfacción que se recoñeza o traballo realizado”, comentaba. Nun ano volverá ao grupo de Sistemas Radio, do centro de investigación atlanTTic, no que fixo a tese Análise e caracterización de compoñentes de incerteza na medida de sinais e parámetros radioeléctricos, na que combinou a análise teórica coas simulacións e medidas. “A axuda do ministerio permíteme continuar con esta liña de investigación e tamén entrar en contacto con outros grupos no estranxeiro. Confío en que isto será moi enriquecedor tanto á hora de estableces novos contactos como de coñecer outras formas de traballo”, sinalaba.

Pablo Fondo Ferreiro

O enxeñeiro de telecomunicación pola nosa Escola, Pablo Fondo Ferreiro, autor da tese Arquitectura SDN para a creación de redes celulares e móbiles simples e flexibles, é investigador posdoutoral do centro de investigación atlanTTic, financiado cunha axuda posdoutoral da Xunta de Galicia, e se atopa realizando unha estadía posdoutoral no Instituto de Telecomunicações en Aveiro (Portugal), integrado nun grupo de investigación líder en temática de redes móbiles de próxima xeración. Para Pablo este premio é “un recoñecemento ao esforzo realizado ao longo dos máis de 3 anos de etapa predoutoral, non só por min, senón por todos os meus compañeiros do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI). Esta distinción é unha mostra da calidade da investigación levada á cabo no centro de investigación atlanTTic e na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación en materia de redes de comunicación móbil”. Ao mesmo tempo, “o premio supón un aliciente para continuar a miña traxectoria profesional no mundo académico. No futuro, gustaríame voltar a Galicia e ser profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación para poder transmitir os coñecementos adquiridos ás próximas xeracións de enxeñeiros de telecomunicación e continuar o meu desenvolvemento como investigador no centro de investigación atlanTTic”, asegura.