Tres estudantes e un docente da EET, entre os gañadores da cuarta edición dos premios da Cátedra R en Ciberseguridade UVIGO-UDC

Néstor Lomba Lomba, Xavier Martínez Luaña, Víctor Zapatero Castillo e Fernando Pérez González foron os galardoados.

O pasado 10 de novembro de 2022 a Cátedra R en Ciberseguridade entregou no evento Cyber.gal a cuarta edición dos seus Premios aos Mellores Traballos Académicos, de Investigación e Transferencia en Ciberseguridade Dixital. Aos premios podían concorrer traballos de Fin de Grao (TFG), Fin de Máster (TFM), Teses Doutorales e Traballos de investigación defendidos nos cursos académicos 2020/21 e 2021/22 nas universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Nesta cuarta edición, os traballos de investigación e transferencia en colaboración coa empresa tamén podían presentar a súa candidatura.

Un dos obxectivos da Cátedra R en Ciberseguridade, que naceu en decembro de 2018 sendo a primeira cátedra interuniversitaria galega, é o de impulsar actividades que permitan a creación de espazos de debate e difusión das actividades docente e investigadora do eido da ciberseguridade. A cátedra está coordinada na UVigo pola docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET), e tamén investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic, Ana Fernández Vilas.

Os estudantes premiados foron Néstor Lomba Lomba, estudante do grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (GETT), que recibiu o premio ao mellor TFG en ciberseguridade; Xavier Martínez Luaña, estudante do Máster (MUniCS), que recibiu o premio ao mellor TFM en ciberseguridade; e Víctor Zapatero Castillo que recibiu o premio á mellor tese doutoral.

O premio ao mellor traballo de investigación e transferencia en colaboración coa empresa recibiuno o docente da EET, e tamén investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic, Fernando Pérez González.

A EET felicita a todos eles polos premios obtidos.

Néstor Lomba Lomba

Néstor Lomba, rematou o grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (GETT) no curso 2021/22, e recibiu o premio ao mellor TFG en ciberseguridade, cunha dotación económica de 400€, polo traballo titulado ‘Video signal geolocation through the analysis of electrical network frequency traces in luminosity’ que foi dirixido polo docente da EET Fernando Pérez González.

Na actualidade Néstor está estudando o Máster de Sistemas de Comunicación na EPFL en Lausanne (Suíza), e afirma que nun futuro lle gustaría regresar á EET para facer o doutorado.

Xavier Martínez Luaña

Xavier Martínez, rematou o Mestrado interuniversitario en CiberSeguridade (MUniCS), e recibiu o premio ao mellor TFM en ciberseguridade, cunha dotación económica de 600€, polo traballo titulado ‘Desarrollo de un prototipo de identidad digital descentralizada basado en tecnologías blockchain’ que foi dirixido polos docentes Manuel Fernández Veiga e Jaime Loureiro Acuña.

Xavier deu o salto á empresa e está a traballar no centro tecnolóxico Gradiant como enxeñeiro investigador en solucións de identidades dixitais descentralizadas e tecnoloxías distribuídas (DLTs). Está a participar activamente nun proxecto europeo dedicado á xestión de identidades dixitais descentralizadas para as administracións públicas e os seus cidadáns, que conta con 6 casos de uso en 5 países europeos. Ao mesmo tempo, tamén participa en proxectos dedicados á trazabilidade de procesos (por exemplo cadea de subministro) sobre Blockchain. Por último, destacar que tamén está a facer un doutorado industrial na Universidade de Vigo que ten como obxectivo aplicar técnicas de computación codificada para securizar contornas de aprendizaxe distribuído.

Víctor Zapatero Castillo

Víctor Zapatero recibiu o premio á mellor tese doutoral cunha dotación económica de 800€. A súa tese, dirixida polo docente da EET, e tamén investigador de atlanTTic, Marcos Curty Alonso títulase ‘On the security and the performance of quantum key distribution’, realizouna no Programa de Doutoramento en Láser, Fotónica e Visión pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, e a defendeu o 21/12/2021.

Agora xa como investigador postdoc, Víctor continúa cos seus estudos de investigación no ámbito da criptografía cuántica. Máis concretamente, estuda a seguridade dos sistemas cuánticos de distribución de chaves. Víctor explica que, “para establecer a seguridade destes sistemas, é necesario modelar en maior ou menor medida o funcionamento do transmisor e o receptor, e calquera discrepancia entre estes modelos matemáticos e o funcionamento real é unha posible vulnerabilidade do sistema que un adversario podería explotar”. A día de hoxe, xunto co profesor Marcos Curty, está a traballar nunha variante ‘pasiva’ da distribución cuántica de chaves, cuxa vantaxe principal é eliminar de raíz certos ataques moi frecuentes no quantum hacking.

Fernando Pérez González

Fernando Pérez, catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, recibiu o premio ao mellor traballo de investigación e transferencia en colaboración con empresa, cunha dotación económica de 800€, polo proxecto ‘Detección de manipulaciones de imágenes para procesos de verificación de identidad’, do que é o investigador principal. No proxecto tamén participan David Vázquez Padín, Pablo Pérez Miguélez, Elena Rodríguez Lois e Miguel Masciopinto Frende.