Estudantes da EET finalistas nun Hackathon de programación para deseñar a cidade do futuro

O seu equipo Zamburiñas e un dos cinco equipos que competirán na final do HPE CDS Tech Challenge.

Despois de cinco meses de competición, un grupo de cinco estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo participarán esta fin de semana na final do HPE CDS Tech Challenge, un concurso nacional para programadores que convoca a empresa Hewlett Packard Enterprise (HPE).

O equipo Zamburiñas, formado por Pablo Cores, Daniel López, Alejandro Mateo Costa, Nicolás Sousa e Javier Bilbao, medirase a outros catro finalistas, clasificados entre un total de 58 equipos que iniciaron este concurso no mes de novembro.

Con esta competición a compañía busca identificar e desenvolver talento novo, apostando por unha versión innovadora e avanzada dos tradicionais hackathons. O tema principal dos retos e probas que os equipos tiveron que ir superando dende novembro é unha cidade do futuro chamada Anthem. Ao longo das tres fases que conforman o HPE CDS Tech Challenge, as e os participantes foron coñecendo esta cidade do ano 2051, contribuíndo a mellorar a súa contorna e aprendendo a empregar a tecnoloxía para crear un mundo mellor.

A fase final consiste nun hackathon de programación de 24 horas ininterrompidas de programación, e terá lugar os días 23 e 24 de abril nas oficinas do grupo HPE en Las Rozas de Madrid.

Para os cinco membros do equipo vigués, que cursan 2º do grao en Enxeñaría de Tecnoloxías da Telecomunicación, esta é a primeira vez que participan nunha competición deste tipo, “non temos ningunha experiencia en hackatons nin en concursos similares, pero decidimos participar para aprender algo novo, vivir unha experiencia e, un pouco, por ocupar o tempo que tiñamos fóra da carreira”.

Os cinco estudantes da UVigo, que forman parte de Zamburiñas, deberán medirse aos equipos Overflow, da Universidade de Santiago de Compostela; Sudo Team, da Universidade Europea de Madrid; Programmatori Team, da de León e EboraFuture, de Castela a Mancha. En total serán 21 os estudantes que competirán pola vitoria final que lles permitirá obter premios entre os que se inclúe un programa de bolsas para traballar no grupo HPE. De cara á final, os estudantes vigueses explican que o que máis os motiva “é demostrar do que somos capaces, que temos moitas ganas de aprender e de mellorar e que, aínda que quizais non gañemos, imos a dar o mellor de nós”.

Ademais, tamén agradecen á EE de Telecomunicación “por presentarnos concursos como este, que ao final fanche vivir certas experiencias que non poderías vivir doutra maneira e que ch permiten pasar un bo rato”.

Cinco meses de competición

HPE CDS Tech Challenge dividiuse en tres fases. A primeira, desenvolvida entre os meses de novembro e febreiro, consistía en superar catro probas orientadas ao mundo do desenvolvemento de software, a algoritmia e a lóxica, para conseguir as chaves da cidade do futuro. Nesta fase participaron 246 estudantes, divididos en 58 equipos de 19 universidades.

Para a segunda fase clasificáronse 71 estudantes de 16 equipos procedentes de 11 universidades. Durante o mes de marzo tiveron que resolver un conflito da cidade Anthem mediante o uso de habilidades técnicas. De entre eles, saíron os cinco equipo que agora se medirán na final.

O equipo vigués explica que na primeira fase do concurso tiveron que afrontar catro retos, “en xeral accesibles”. Por unha banda, descubrir o cifrado que tiña unha mensaxe; por outra, partindo dun docker no que había unha base de datos en SQL con información sobre posibles terremotos, determinar cal era o máis probable nunhas datas concretas; no terceiro reto recibiron “unhas entradas a un panel LED e un script feito en Python, que estaba completamente desordenado, do que tiñamos que recuperar o script para poder tratar a secuencia de entrada ao panel e obter o que se mostraría”. “Por sorte”, lembran, “semanas antes deste reto” abordaran na materia de Electrónica Dixital os paneis LED. O cuarto reto da primeira fase consistiu nun arquivo excel cos rexistros dos caixeiros da cidade a partir do que tiñan que obter “o total do diñeiro roubado e o mínimo número de billetes para obter esa cantidade”.

Unha vez superada esta primeira parte do concurso, o equipo vigués afrontou unha fase “máis complicada”. Dispoñendo do mesmo tempo que tiveron para cada un dos retos da fase previa (1 mes), tiveron que “crear algo máis complexo e detallado” dando resposta a un dos tres temas propostos pola organización. Como eles mesmos explican, tiveron que elixir entre deseñar un sistema de monitorización do estado das acometidas de augas da cidade de Anthem; un sistema de control do tráfico ou outro para o departamento de limpeza. Para seleccionar o tema, investigaron sobre as tres opcións e finalmente apostaron pola última proposta e crearon un sistema para que os camións de lixo realicen rutas dinámicas en función do estado dos colectores da cidade. “Pareceunos que este sería o que antes podería ser aplicable no día a día e ao que mellor podíamos dar solución pola cantidade de información existente sobre o problema de enrutamento de vehículos e a xeración de rutas”.