A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o centro de investigación atlanTTic amosaron hoxe mércores, 9 de marzo de 2022, as vantaxes da tecnoloxía 5G en ámbitos como a seguridade e a xestión da mobilidade. Nesta xornada presentáronse os resultados do proxecto “Piloto 5G” no marco do Plan Nacional 5G financiado por Red.es e no que tamén participa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Este proxecto pretende realizar a medición do tráfico de transeúntes e vehículos no recinto universitario, facilitando así unha xestión intelixente dos recursos e as instalacións. Este Piloto pretende por de manifesto os beneficios deste novo estándar 5G das telecomunicacións no desenvolvemento de solucións de seguridade e Smart Campus. Unha demostración práctica das últimas novidades tecnolóxicas.
Os investigadores de atlanTTic Rubén Pérez Vaz, Alberto Estévez Caldas, Brais Blanco Carballeira, José Manuel Rúa Estévez e José Antonio Álvarez, dirixidos polos profesores Felipe Gil Castiñeira e Francisco Javier González Castaño, do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI), foron os encargados de pór en práctica as dúas probas e amosar así a resposta inmediata da tecnoloxía empregada. Utilízase a tecnoloxía edge computing o que permite dar unha resposta rápida e útil en escenarios imprevistos. Como explicou Rubén Pérez, as probas consistiron en utilizar unha antena 5G de Orange, colocada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e conseguir, na primeira proba, que un vehículo accedese a unha zona valada só coa lectura da súa matrícula e, en remoto, obter autorización para acceder á mesma. E na segunda proba, o que se pretendía era que, a través dunha cámara unha persoa puidese recibir autorización para entrar nunha zona limitada, ou en caso de non permitir o seu acceso activar, en remoto, unha alarma que poría en marcha un drone capaz de seguir á persoa mediante una aplicación autónoma remota sobre 5G.
Para a realización destas probas fíxose uso de drones autónomos, que permiten realizar vixilancia e recoñecemento e, grazas á rede 5G de Orange e as solucións Edge Computing de Optare Solutions, enviar e procesar rapidamente a información recibida das súas cámaras para así poder tomar decisións áxiles ante a detección de eventos inesperados.
Podes atopar máis información desta xornada no artigo publicado no DUVI, aquí.