A Unión Europea volveu concederlle á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo a coordinación dun novo proxecto de mobilidade internacional con universidades estranxeiras, nesta ocasión dos Balcáns occidentais, recoñecendo así a experiencia deste centro como promotor e xestor de grandes proxectos intenacionais de mobilidade. Financiado con 200.000 euros, “este proxecto supón un paso máis nas boas relacións entre a nosa escola e as universidades desta zona europea, relacións que comezaron no 2014 co proxecto de mobilidade Erasmus Mundus KA2 (GreenTech) e continuaron co proxecto europeo de transferencia Elemend (Capacity Building for Higher Education) do 2017 ata o 2021”, explica a directora da escola, Rebeca Díaz.
A reunión de lanzamento deste novo proxecto, denominado KA171 EET-UVigo- Balcáns occidentais, celebrouse esta semana de xeito telemático e nela contouse coa participación, ademais da propia Universidade de Vigo, de diferentes representantes das seis universidades que forman parte do consorcio: a University of Vlora Ismail Qemali, de Albania; a International Burch University e University of Tuzla, de Bosnia and Herzegovina; a Academy of Applied Studies of Kosovo and Metohija e a University of Pristina (Kosovska Mitrovica), de Kosovo; e a Mediterranean University Podgorica, de Montenegro. Por parte da Universidade de Vigo, asistiron á xuntanza todo o equipo que está implicado na xestión deste proxecto, incluíndo a directora da escola, Rebeca Díaz; a subdirectora de Relacións Internacionais, Verónica Santalla, e as docentes Edita de Lorenzo e Ana Fernández, xunto co director da Área de Promoción da Internacionalización da Universidade de Vigo, Iago Pozo.
Participantes na xornada inaugural do proxecto
Participantes na xornada inaugural do proxecto
No proxecto participan 6 universidades dos Balcáns occidentais, xunto con Vigo, que é a entidade coordinadora
53 mobilidades e moitos proxectos en mente
Nesta ocasión ofertaranse un total de 53 mobilidades para executar en dous anos: 23 mobilidades para profesorado (13 entrantes e 10 saíntes) e 30 mobilidades para estudantes de grao, mestrado e doutoramento (19 entrantes e 11 saíntes). “Trataremos de reforzar os lazos no ámbito educativo a todos os niveis: grao, mestrado e doutoramento”, explica Díaz, quen recalca que os obxectivos a medio prazo son a definición de dobres titulacións, axuda á implantación de estudos de doutoramento nas dúas universidades que non os ofertan neste momento e facilitar as estadías de estudos do alumnado vigués nestes destinos, “non tan habituais, pero moi interesantes tamén”. Ademais, e dentro do ámbito da investigación, tamén se tratará de fomentar as relacións entre os equipos de investigación da EET e das universidades do consorcio para poder definir novos proxectos europeos.
Experiencias previas
Xa no 2012 a Unión Europea concedeulle á Universidade de Vigo máis de catro millóns de euros para coordinar a mobilidade internacional entre Europa e o Norte de África (proxecto GreenIT), e dous anos despois, no 2014, volveu escoller á institución académica viguesa para coordinar un programa Erasmus Mundus KA2 (GreenTech)-, nesa ocasión cos países dos Balcáns occidentais, un plan de mobilidade entre 15 universidades europeas e outros 27 centros de ensino superior de Albania, Bosnia, Kosovo, Montenegro e Serbia. Posteriormente, chegou o proxecto Elemend, deseñado para facilitar que os plans de estudo relacionados coa Enxeñaría eléctrica nas universidades dos Balcáns occidentais fosen competitivos.
Fonte DUVI.