A illa de Zanzibar acolleu desde o luns luns 6 ata o sábado 11 de febreiro a xuntanza de lanzamento do proxecto CBHE Ahumain, Applied human machine intelligence in east Africa, unha iniciativa de cooperación educativa que ten como obxectivo impulsar a intelixencia artificial e a ciencia de datos no leste de África creando un plan de estudos que permita formar as enxeñeiras e enxeñeiros do futuro. A Universidade de Vigo é unha das 31 participantes nesta iniciativa, que reúne tanto universidades como empresas de España, Bélxica, Chipre, Tanzania, Uganda e Kenia.
Con tres anos de duración e coordinado pola Artesis Plantjin Hogeschool de Amberes, a representación da UVigo neste proxecto corre a cargo da directora da EE de Telecomunicación, Rebeca Díaz, e os docentes Ana Fernández Vilas e Manuel Fernández Veiga, todos eles investigadores do Departamento de Enxeñaría Telemática e do centro de investigación atlanTTic.
Crear un ecosistema de IA no leste de África
O proxecto nace nun contexto de revolución tecnolóxica no que dúas grandes tendencias están cambiando o mundo: o internet das cosas (IoT) e a intelixencia artificial (IA). Como explican os impulsores desta iniciativa, mentres o IoT produce datos de sensores, a IA axudará a interpretar estes datos de maneira comprensible e a tomar decisións semiautomáticas para controlar certos procesos físicos. Precisamente por este potencial, os gobernos de todo o mundo están a incrementar a inversión e a poñer en marcha plans estratéxicos en IA coa vista posta en “atopar aplicacións relevantes e levar o seu coñecemento a un nivel excelente, para non quedarse atrás”. Isto xera un incremento da competitividade entre os países e pon tamén de manifesto a importancia de investir na creación de vínculos “entre goberno, empresas e a academia”, que é o eido no que se move o proxecto CBHE Ahumain. A finalidade é lograr que as empresas máis grandes de África adopten a IA para os seus procesos comerciais e para iso é preciso crear un “ecosistema de IA que reduza os seus costes de desenvolvemento, axude a crear aplicacións de IA adaptadas ás necesidades locais e reduza a súa dependencia de empresas estranxeiras”. Ademais, engaden, un ecosistema africano de IA podería posicionarse “como un socio atractivo para os xigantes dixitais globais desexosos de entrar no mercado africano”.
Para facelo posible, os socios de Ahumain traballarán no deseño dun plan de estudos consistente con diferentes especializacións e adaptado á situación de África oriental que conduza a unha nova xeración de enxeñeiras e enxeñeiros híbridos cun coñecemento profundo dos diferentes aspectos e que sexan quen de conectar todas as partes implicadas a un sistema útil e comercialmente viable. Ao mesmo tempo, tamén se traballará en aplicacións da vida real de IA, implementación operativa e casos de negocios, para rachar coa teoría e dar paso a aplicacións prácticas.
A UVigo, formadora de formadores
Neste contexto, o papel da Universidade de Vigo, como explica Manuel Fernández Veiga, é colaborar na definición dos cursos e contidos formativos en AI e ciencia de datos, adaptados ás necesidades socio-económicas da rexión. “Os cursos son competenciais e buscan preparar profesionais capaces de desenvolver aplicacións de AI/DS en agricultura, pequenas empresas, etc. orientadas á resolución de problemas de ámbito social como agricultura de precisión, saúde primaria, clima ou sostibilidade dos recursos”. Ademais, a UVigo é responsable dun paquete de traballo dedicado á “formación de formadores, é dicir, á preparación metodolóxica de persoas que vaian impartir eses cursos na rexión”. Para isto, artellarase unha visita das delegacións de Uganda e Tanzania a Vigo en 2024, onde asistirán a seminarios específicos tanto técnicos como de métodos e enfoques de ensino sobre estas tecnoloxías, con vistas a implantalas de forma efectiva nos currículos das universidades e os centros participantes.
Fonte DUVI.