O nanosatélite BIXO (Bacteriological Intercommunication Experiment in Orbit), que están a desenvolver preto de 40 estudantes da Universidade de Vigo, integrados en UVigo SpaceLab, será enviado ao espazo no ano 2024 nun lanzamento operado pola China Academy of Launch Vehicle Technology (Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento). A confirmación producíase na 73ª edición do International Astronautical Congress (IAC) 2022, o principal encontro anual da International Austronautical Federation (IAF), no que empresas líderes mundiais presentan, entre os días 18 ao 22 de setembro, as súas novidades, ao tempo que se desenvolven sesións plenarias, conferencias e reunións. Ao abeiro do congreso, facíase pública a resolución da primeira edición do IAF-CSA Space Universities CubeSat Challenge (IAF-CSA SUCC), o concurso organizado pola IAF en cooperación coa Chinese Society of Astronautics (CSA) e a Dalian University of Technology (DUT) para o lanzamento gratuíto dun cubesat. Universidades de todo o mundo participaron no concurso que finalmente recoñeceu como mellor deseño de misión para a súa posta en órbita a BIXO, de UVigo SpaceLab, que será lanzado ao espazo no ano 2024 a bordo dun foguete Long March ou Smart Dragon Series, operado pola Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento e que se converterá no quinto nanosatélite enviado ao espazo por alumnado da UVigo.
Os estudantes da UVigo Manuel Diz (Grao en enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación), Guillermo Calvo (Máster en Enxeñaría de Telecomunicación) e Martín Blanco (dobre grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e Enxeñaría Mecánica), xunto ao docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e investigador de atlanTTic, Fernando Aguado, foron os encargados de recoller e agradecer un premio que, inclúe ademais do lanzamento gratuíto a cantidade de 3000 euros, e que consideran “o impulso que nos faltaba para dar o paso e así consolidar a misión, máis aínda tendo en conta que o custo estimado dun lanzamento establécese arredor dos 180.000 euros. Así logramos ter o proxecto pechado con data de lanzamento en 2024, o que supón tamén unha visión máis atractiva para os patrocinadores e o alumnado da UVigo”, sinala Manuel Diz, director do proxecto, que lembra que BIXO será o portador da segunda misión biolóxica europea. Logo de sete misións biolóxicas en pequenos satélites, seis da NASA e unha da ESA, todas en satélites de maior tamaño, 3UDs (10 x 10 x 30 cm) en formato cubesat, “a nosa misión será de 2UDs (10x 10 x 20 cm), o que supón un gran reto, xa que ata agora non houbo ningún desenvolvemento completo dun pequeno laboratorio espacial nun satélite tan pequeno, por iso dicimos que é a misión máis compacta lanzada desde Europa e, que saibamos, a máis pequena do mundo”, explica Diz.
UVigo SpaceLab referente de estudantes a nivel internacional
Dous anos despois de empezar a traballar no laboratorio de deseño, fabricación e validación de nanosatélites de formato cubesats, UVigo SpaceLab incorpora este curso que acaba de comezar alumnado de diferentes graos (Enxeñería da Enerxía, Enxeñaría Informática, Bioloxía, Administración e Dirección de Empresas.. ), que se suma ao estudantado das enxeñarías de Telecomunicación, Aeroespacial ou Industrial que xa participaban antes no proxecto. “Con esta ampliación, levada a cabo durante o verán, o equipo pasa agora a estar formado por 38 estudantes”, confirma Manuel Diz, que tamén apunta a creación dun novo departamento “que se encargará de manter o pequeno laboratorio biolóxico en órbita, deseñando os chips e sistemas microfluídicos que permitirán realizar os experimentos necesarios, inxectando doses precisas de auga a través dun sistema de canais milimétricos”.
A misión BIXO resultará clave para entender o efecto da exposición prolongada ao ambiente espacial de organismos vivos e así, comprender os efectos nocivos que podería ter esta exposición tanto aos humanos, como aos organismos que os acompañan. Para lograr este obxectivo, levaranse ao espazo cultivos bacterianos en tarxetas de milifluídica a bordo dun satélite de pequenas dimensións denominado CubeSat. O experimento, unha vez en órbita, terá unha duración de 9 meses, que é, de forma aproximada, o tempo que se tardaría, na actualidade, nunha viaxe desde A Terra a Marte.
Durante o verán, o equipo continuou a traballar probando os sistemas de medición do fenómeno bacteriolóxico do quorum sensing, que se produce cando bacterias como Chromobacterium violacium, se multiplican e sintetizan autoinductores que, ao chegar a un determinado umbral de concentración, desencadean un fenómeno de comunicación intercelular dando como resultado un pico na súa resposta en frecuencia a 590 nm pola síntese dun pigmento, a violaceina, de cor violeta; ademais de ensaiar con diferentes chips microfluídicos e medir a pigmentación, empregando espectrómetros de tamaño moi reducido nas instalacións do Grupo de Química Coloidal da UVigo. “Para o futuro da misión en Terra continuamos a traballar na posta a punto da estación terrea xunto á da UVigo, que nos está a dar o seu apoio para a reforma deste centro de control e seguimento de satélites desde o que operaremos, tanto BIXO, como as nosas futuras misións”, avanza Diz, para o que empregarán a antiga antena parabólica de seguimento de satélites meteorolóxicos NOAA, grazas a súa reconversión a banda S, realizada polo alumnado, o que permite velocidades de descarga de datos moito máis elevadas.
Formación internacional na ESA Academy
O premio Space Universities CubeSat Challenge entregado esta tarde en París non é o único recoñecemento recibido polos integrantes de UVigo SpaceLab nos últimos tempos. E é que en Bélxica, no ESTEC Galaxia, o alumno da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Iván Trasobares, está a recibir unha formación por parte da ESA Academy da Axencia Espacial Europea en operacións en aeronaves combinado co deseño de misións espaciais e subsistemas de satélites. “Para poder recibir esta formación de catro días xunto a compañeiros doutras nacionalidades, Iván presentouse á convocatoria pública na que competiu con universitarios europeos”, explica Manuel Diz, que avanza que todo o coñecemento adquirido polo seu compañeiro, trasladarase ao equipo para mellorar o desenvolvemento das súas misións, como xa ocorrera coa formación recibida pola proposta da súa primeira misión teórica OLLO.
Fonte DUVI.