Gamificación, aprendizaxe baseado en proxectos, Design Thinking, clases invertidas… son moitas as novas metodoloxías docentes que están a mudar o proceso do ensino na procura de mellores resultados académicos. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación leva anos aplicando algunhas desas fórmulas innovadores co seu alumnado, pero o próximo curso catro materias do grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (GETT) uniranse baixo o paraugas dun proxecto de innovación educativa na procura de xerar unha docencia que permita que o alumnado traballe “con sistemas máis reais, máis próximos ao que van atoparse despois na práctica profesional na empresa”, como explica o coordinador desta iniciativa, Pedro Comesaña, profesor do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Arredor de 60 alumnos e alumnas das materias Tratamento de sinais multimedia, Redes sen fíos e móbiles, Deseño de sistemas integrados e Teledetección traballarán ao longo do primeiro cuadrimestre apoiándose en dúas metodoloxías innovadoras: BYOD (Bring Your Own Device ou Trae o teu propio dispositivo) e PBL, ou aprendizaxe baseado en proxectos.
Os estudantes destas materias van traballar con “sistemas máis reais, máis próximos ao que van atoparse despois na práctica profesional na empresa”, destaca Comesaña. Así, mentres se forman poden ter unha experiencia máis próxima ao que lles espera no mundo laboral, ao tempo que tamén melloran competencias transversais de organización, traballo en equipo, etc. Deste xeito, o obxectivo final desta proposta de innovación educativa é poñer en mans dos estudantes uns kits de desenvolvemento hardware cos que van traballar e programar, e que son moi próximos a aplicacións da vida real en situacións como poden ser a implementación dunha rede de comunicacións móbiles, un drone, a xestión de sensores de diferentes tipos e a xestión entre eles, ou o procesamento da información capturada por tarxetas de son.
Para sacar adiante esta iniciativa, o equipo conformado pola directora da escola, Rebeca Díaz, o profesor Comesaña e os docentes Ana Vázquez Alejos e José Manuel Santos Gago contan cun financiamento de 13.400€, dos que a UVigo achega 8500€ a través dunha convocatoria de innovación educativa que seleccionou un proxecto en cada campus, mentres que o resto son fondos propios da EET.
Como lembra Comesaña, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación caracterízase pola súa constante participación en proxectos de innovación docente, e recentemente púxose en funcionamento un programa piloto baseándose no paradigma BYOD con 28 materias adheridas no curso 2021-2022. Este novo proxecto é un paso máis nesta dirección, unindo catro destas materias e engadindo a esta metodoloxía a aprendizaxe por proxectos ou PBL.
Catro materias do GETT incluídas no proxecto piloto
As catro materias do GEET implicadas neste proxecto (Tratamento de sinais multimedia; Redes sen fíos e móbiles; Deseño de sistemas integrados e Teledetección) impártense no primeiro cuadrimestre. Na primeira delas, as e os estudantes traballarán en grupo na implementación práctica de algoritmos de procesado de sinal en mini computadoras Raspberry Pi empregando utilizando a linguaxe Python. Na segunda das materias, o alumnado desenvolverá un proxecto ao longo do cuadrimestre no que deben empregar distintas tecnoloxías para redes sen fíos e móbiles. En concreto deberán poñer en marcha unha rede celular LTE básica (tanto a rede de acceso, como a rede troncal) con varios dispositivos móbiles, unha estación base (USRP+antenas) e os sistemas de control e xestión que permitirán o seu correcto funcionamento (PCs con OpenAirInterface). Por outra banda, outros grupos levarán a cabo pequenos proxectos, co obxectivo de estudar as características e prestacións de distintas tecnoloxías sen fíos, entre as que se inclúen Wi-Fi, Bluetooth e Zigbee, analizando cales son as vantaxes e limitacións destas tecnoloxías fronte a distintos casos de uso.
En Deseño de sistemas integrados proponse ao alumnado un reto relacionado cos sistemas integrados ou empotrados, en concreto, a creación do autopiloto dun drone e, finalmente, o estudantado de Teledetección deberá obter información sobre as características de obxectos ou superficies sen estar en contacto directo con eles desenvolvendo un sistema de teledetección baseándose na programación de microcontroladores, montaxe práctico destes microcontroladores con diferentes sensores e a configuración e posta en servicio das comunicacións entre todos estes dispositivos.
Impacto esperado do proxecto
Como estas materias xa viñan empregando a metodoloxía PBL, explica Comesaña, o impacto esperado do proxecto “non é tanto unha mellora nos resultados de rendemento académico, senón unha mellor harmonización da implantación do PBL nas diversas materias do grao, ademais da potenciación das competencias transversais por parte do alumnado e unha adecuación dos medios materiais empregados nos respectivos proxectos ás contornas de traballo que se encontrarán as e os estudantes cando comecen o seu desenvolvemento profesional na industria”.
sulta máis ameno que as clases de teoría de problemas, xa que lles permite traballar con dispositivos e, por outra, tamén lles achega máis riqueza que a formación habitual e lles permite familiarizarse de maneira máis rápido na práctica profesional”.
Ademais, os seus impulsores agardan que a longo prazo “esta experiencia poida ser de utilidade para que, seguindo o exemplo das materias involucradas no proxecto e as conclusións acerca de boas prácticas extraídas, outras materias de titulacións que se imparten na EET, tanto de grao como de mestrado, se animen a seguir o modelo BYOD+PBL”. De feito, unha vez rematen as prácticas, que terán lugar no primeiro cuadrimestre, na segunda parte do curso realizarase unha avaliación desta experiencia que se plasmará nunha guía de boas prácticas “que poida ser tida en conta por outras materias no futuro”.
Fonte DUVI.