O estudantado da Escola exhibe nos LPRO Days 2023 os proxectos tecnolóxicos desenvoltos na aula

15 proxectos con solucións TIC deron conta do potencial seu emprendedor.

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) presumiu o pasado xoves 4 e venres 5 de maio da creatividade do alumnado que está a piques de titularse. Faino, como cada final de curso, coa celebración dos LPRO Days, unha actividade organizada a modo de feira tecnolóxica na que o alumnado que está a piques de titularse exhibe os proxectos tecnolóxicos que levaron a cabo ao longo dos últimos meses ao abeiro da materia Laboratorio de Proxectos do último curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. Nesta edición participaron 62 estudantes, 51 homes e 11 mulleres, divididos en 15 equipos e titorizados por 17 docentes. Como o ano pasado, a xornada do xoves se levou a cabo ao longo de toda a mañá nos espazos centrais da escola, e o venres trasladouse ao Museo Verbum de Vigo.

Como si se tratase dunha feira tecnolóxica profesional, cada equipo conta cun expositor propio no que explicar aos asistentes as principais características e innovacións dos seus proxectos, experimentar cos prototipos ou, simplemente, intercambiar ideas sobre os resultados e experiencias que foron xurdindo ao longo de todo o desenvolvemento do proxecto. Como cada edición a variedade temática das propostas é a gran protagonista e, se ben non hai xurado como tal, desde CTAG, Gradiant, Marine Instruments, Optare Solutions e Quobis outorgarán cadanseu premio de 1000 euros aos proxectos máis creativos ou con máis viabilidade de converterse en realidade.

O xoves tivo lugar a presentación dos proxectos na Escola, onde o público destinatario foi a comunidade universitaria, destacando a presenza de docentes e estudantes. O corredor principal da Escola encheuse de postos e, en cada un deles, as alumnas e alumnos explicaron a todas as persoas interesadas os detalles dos seus proxectos e prototipos e, xa de paso, amosar e pór en valor o seu potencial como emprendedores e emprendedoras.

A modo de escaparate tecnolóxico as persoas que se achegan aos LPRO Days teñen a oportunidade de coñecer de primeira man en que temáticas están a traballar esta nova xeración de profesionais das telecomunicacións e que solucións tecnolóxicas achegan a problemas cotiáns do día a día dos cidadáns. Desde unha caixa de correo postal intelixente a un asistente virtual baseado en xestos; desde unha aplicación móbil para posicionamento e guía de usuarios no interior dun recinto a outra que permite o control e coidado dos animais de compañía mediante un colar sensorizado… Os exemplos son múltiples.

“Todos vivimos esta data con incerteza e expectación”, explica o profesor Manuel Caeiro, coordinador da materia, quen recalca que nesta edición se decidiu reducir sensiblemente o tamaño dos grupos, que pasaron de ser equipos de entre cinco e seis persoas a ser maioritariamente de catro integrantes, de maneira que sexa máis doado de xestionar e organizar traballos “ben enfocados, rigorosos e correctamente rematados”, subliña o docente, destacando así a importancia de que os equipos logren chegar aos LPRO Days cun prototipo “funcional e operativo”.

O venres o estudantado trasladou os seus prototipos e expositores ao Museo Verbum para celebrar unha xornada na que, pola mañá, cerca de 250 estudantes de educación pre-universitaria de 7 centros educativos (IES Rosais 2, IES Álvaro Cunqueiro, CPR Plurilingüe Atlántida, CPR Padres Somascos de A Guarda, Colegio Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra, CPR Daniel Castelao e Compañía de María de Vigo) puideron ver, experimentar e tocar os prototipos dos diferentes proxectos. E xa pola tarde abriuse a xornada aos representantes do tecido empresarial galego e público en xeral.

A xornada rematou coa entrega de premios e o acto de clausura, no que interviron Rebeca P. Díaz Redondo, directora da Escola, Abel Caballero, alcalde de Vigo e Manuel Caeiro Rodríguez, coordinador do evento, e os representantes dos patrocinadores: Martín Llamas, director do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic; Luis Pérez-Freire, director de Gradiant; Roberto C. Pérez González, socio consultor de Optare Solutions; Damián González Figueroa, Responsable da área Procesado Avanzado de Sinais do CTAG – Centro Tecnológico de Automoción de Galicia; Bruno Lema Baleato, Director da área de Hardware de Marine Instruments; e Iago Soto, director de marketing de Quobis.

Os cinco proxectos premiados foron:

  • Altairs, unha solución de acceso remoto a un telescopio robotizado para monitorizar, controlar e actuar en tempo real, recibiu o premio do CTAG. Inclúe accións para abrir/pechar cúpula, ver o seu estado e coñecer a súa posición gracias a un xiroscopio.
  • CoidaTech, un sistema de apoio para a detección temperá de sepse mediante a monitorización continua da temperatura corporal de xeito non invasivo, recibiu o premio por parte de Gradiant. O produto consiste nun sistema wearable provisto de sensórica e conectividade inalámbrica.
  • InSite, unha aplicación móbil para posicionamento e guía de usuarios no interior dun recinto, recibiu o premio de Optare Solutions. Inclúe un asistente con procesamento de Linguaxe Natural (PLN) para que o usuario poida interactuar coa aplicación por voz.
  • InteLixo, un dispositivo de reciclaxe con clasificación automática de lixo: orgánica, vidro, plástico ou papel, recibiu o premio de Marine Instruments. Combínase recoñecemento de imaxe, control electrónico e mecánica, ademais dunha app para monitorizar a carga de cada papeleira.
  • Partitune, unha aplicación musical gamificada para adestrar a reproducir música, recibiu o premio de Quobis. Inclúe un scroller que mostra notas en tempo real e un lector de partituras de imaxes. Tamén conta cun pequeno micrófono con son de alta calidade.

A EET agradece a atlanTTic Research Center e ás empresas CTAG, Gradiant, Marine Instruments, Optare Solutions e Quobis, polo seu patrocinio e parabéns ao estudantado polo fantástico traballo levado a cabo!