A EET xa loce o Distintivo de Igualdade da Universidade de Vigo

O xurado destacou a candidatura polas diagnoses exhaustivas e exemplos de boas prácticas.

En 2021 a Universidade de Vigo convertíase na primeira do Estado en contar cun selo, o Distintivo de Igualdade, que recoñecese aquelas escolas, facultades e centros de investigación que destacasen pola súa loita e esforzo a prol das políticas de igualdade. Pasados tres anos, xa son dez os centros que contan cun Distintivo de Igualdade, unha listaxe á que se incorporaron nesta terceira edición a Facultade de Dereito do campus de Ourense, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) de Vigo e o centro de investigación en Tecnologías de Telecomunicación atlanTTic. Os seus representantes recolleron o pasado xoves 11 de maio o diploma acreditativo de mans do reitor, Manuel Reigosa, nun acto que tivo lugar no edificio Miralles conducido pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama.

Estes tres novos centros súmanse á lista composta pola Facultade de Filoloxía e Tradución, que obtivo o distintivo na primeira edición e ao CIM-Centro de Investigación Mariña, a Facultade de Educación e Traballo Social, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, o Cinbio-Centro de Investigacións Biomédicas e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, seleccionadas o ano pasado. Ao resto dos centros, a directora da Unidade de Igualdade animounos a concorrer en vindeiras edicións e aos xa premiados “a seguir traballando pola igualdade entre homes e mulleres e continuar eses camiño que co Distintivo non para”.

O reitor felicitou os tres centros galardoados e a toda a comunidade universitaria polo esforzo realizado por acadar unha institución e unha sociedade máis igualitarias e animou a todas e todos a seguir, porque “aínda queda moito traballo por facer”. Neste sentido, Reigosa reivindicou o papel fundamental da Universidade e o seu efecto multiplicador, “xa que aspiramos a que cada alumna e alumno, homes e mulleres que saen da Universidade de Vigo, sexan quen de levar consigo a mensaxe da igualdade, de reivindicar e de poñerse bravos e bravas para facer unha sociedade máis xusta, e unha sociedade para ser máis xusta ten que ser feminista”.

Antes de proceder á entrega dos distintivos por parte do reitor, dúas das expertas externas que formaron parte do xurado (Concepción Torres, da Universidade de Alicante e Elisabet Mas, da Politécnica de Cataluña) interviñeron vía telemática para destacar as fortalezas das tres propostas e valorar moi positivamente e esforzo que a UVigo realiza no eido da igualdade.

A EET obtivo unha valoración de 87 puntos

Segundo o xurado a EET é unha das grandes protagonistas nesta ‘revolución pola igualdade’ que se está a producir na UVigo. Destacan a “extraordinaria implicación, compromiso e participación do seu equipo directivo, do equipo docente e do alumnado en relación ao ámbito mulleres e STEM, como o programa ElasFanCienTec ou Inspira STEAM, entre outras”. Este compromiso trasládase á propia organización da escola, cun pioneiro Plan de Acción pola Igualdade, coa elaboración dunha guía de recursos para promover a conciliación e o deseño de guías docentes que incorporan a linguaxe inclusiva e non sexista.

O xurado tamén destaca que a escola posúe dous grandes activos: un equipo directivo moi dinámico e activo completamente comprometido coa igualdade, no que destaca a enlace de igualdade, a profesora Soledad Torres, que debido a un absoluto e constante compromiso feminista, impulsa, deseña e participa en toda iniciativa de igualdade na nosa institución e fóra dela, no ámbito social e comunitario; e unha delegación de alumnado moi implicada, pioneira e comprometida coa igualdade e a diversidade o que esta a producir un profundo cambio na cultura académica e organizativa desta escola”.

A directora da escola, Rebeca Díaz, recolleu o distintivo xunto coa subdirectora, Laura Docío, e puxo en valor o compromiso de todo o centro, dende o alumnado, “sempre disposto a colaborar e a propoñer”, ata o PDI e o PAS e referiuse a un dos puntos fortes que valorou o xurado da súa candidatura: o esforzo por ter paridade en todas as comisións. Recalcou que nun centro cun enorme desequilibrio de xénero, conseguir que haxa mulleres en todos os tribunais fin de grao e de mestrado, etc. implica “un esforzo enorme”. Por isto, reclamou medidas de apoio ou compensación porque “ao longo dos anos é complicado manter ese compromiso”.

O Distintivo de Igualdade ten unha vixencia de seis anos e os tres centros seleccionados recibirán, nun acto que se celebrará nos vindeiros meses, un vinilo para situar nun lugar visible do edificio e unha achega de 3000 euros para investilos en novas actividades e políticas de xénero.

Ler a noticia completa no DUVI.