
É un programa de mentoría para o estudantado de grao que chega ao seu primeiro curso na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Que é MEET-Teleco?
É o programa de mentoría para o estudantado de grao que chega á Escola. MEET-Teleco representa unha tripla oportunidade:
- Para o estudantado que mentoriza porque, ademais da competencia técnica que adquirides na Escola, na vosa vida laboral (e persoal) necesitaredes outras habilidades que teñen mais que ver co trato con outras persoas (clientas, xefas, compañeiras, subordinadas, …) e, incluso, co voso propio coñecemento e xestión. MEET-Teleco daravos unha introdución a estes aspectos e, cun enfoque eminentemente aplicado, ofreceravos a oportunidade de ter unha primeira experiencia de liderado, axudando ao crecemento persoal de compañeiros/as que acaban de chegar.
- Para o estudantado tutelado, mentees, porque ides contar co apoio doutras persoas que, aínda que con mais experiencia, están moi próximas a vós, coñecen de primeira man os vosos problemas e dificultades na incorporación á Universidade e están dispostas a orientarvos para que os superedes.
- Para a Escola porque, por una parte, ademais da capacitación técnica, melloran outras competencias do noso estudantado que mentoriza, incrementando a súa empregabilidade; por outro lado, os efectos beneficiosos sobre o estudantado tutelado favorecerán a súa integración, motivación e resultados. É a oportunidade, en suma, para crear unha cultura de organización baseada en aspectos non só académicos.
En que consiste?
É unha parte fundamental do Plan de Acción Titorial da Escola (PAT-ANEAE).
Durante anos foron docentes os que exerceron de mentores e mentoras do estudantado de primeiro curso. Dende o curso 2013/14, son estudantes de cursos avanzados os que se involucran no proceso de orientación ás persoas que chegan. Outro cambio importante é que se selecciona e se forma especificamente ás persoas que participan no programa. O novo estudantado, os mentees, está mentorizado por outras alumnas e alumnos, mentores/as, e como consecuencia lóxica mellorará a comunicación e os resultados. Esta idea estase a ver corroborada cos datos xa recollidos nas edicións que levamos de andaina.