Resolvemos algunhas dúbidas para aquelas persoas que queiran ser mentoras/es do programa.
Como ser estudantado mentor?
A Escola, con axuda da Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado e o de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da Universidade, proporcionará formación específica para o estudantado que se ofreza, e sexa seleccionado, para o papel de mentor/a.
Dende o punto de vista do estudante mentor/a, o proceso terá dúas etapas:
- Etapa de formación: que se levará a cabo durante os meses de xuño e setembro previos ao comezo de cada curso.
- Etapa de mentoring: ao largo do período lectivo do curso académico.
Acreditarase a formación recibida e a actividade de voluntariado levada a cabo. Ademais, solicitarase á Universidade a concesión de créditos ECTS para o estudantado que mentoriza.
Calendario da etapa de formación:
Para a formación anual de mentores/as a etapa de formación desenvólvese en dúas partes:
- En xuño. Serán sesións dunhas 4 ou 5 horas polas mañás, despois dos exames do segundo cuadrimestre, enfocadas nas competencias básicas da intelixencia emocional, tanto intrapersoais como interpersoais, e a organización e xestión do tempo e do estudo. Informarase oportunamente do lugar de celebración das devanditas sesións.
- En setembro, con sesións adicionais antes do comezo das clases, centradas na comunicación e o mentoring (con orientación específica para o programa MEET-Teleco). Neste caso, dependendo de como sexa o calendario oficial de clases, as sesións poderían ser polas tardes.
Ao longo do curso haberá tamén obradoiros de seguimento e orientación para as persoas mentoras.
Nota: as datas dos obradoiros de seguimento dependerán do calendario oficial da Universidade e comunicaranse con antelación dabondo.
Calendario da etapa de mentorización:
Programaranse, en horario compatible coas clases, catro reunións por cuadrimestre entre persoas mentoras e mentees. As datas concretas dependerán do calendario académico definitivo e comunicaranse con antelación dabondo.
Teño moi pouco tempo, a que me comprometo como mentor/a?
Se te apuntas como mentor/a, os teus compromisos concretos son os seguintes:
- Asistir aos cursos e obradoiros de formación.
- Liderar as reunións cos/cas mentees e cubrir as actas que delas se fagan.
- Asistir e participar nas reunións de coordinación de mentores/as.
Soa ben. É para min?
Para ser mentor/a esixiranse algúns requisitos. Non temos capacidade de ofrecer esta oportunidade de formación a todo o estudantado da Escola, polo que se fará unha selección entre quen manifeste interese en participar no programa. As condicións básicas son:
- Ser estudante da Escola e estar cursando este ano o segundo ou terceiro curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. Tamén se contempla a posibilidade para o estudantado do máster.
- Ter dispoñibilidade para participar na fase de mentoring (non a terás, por exemplo, se vas participar nalgún programa de mobilidade –Erasmus, ISEP, Séneca…– durante o curso académico).
Darase prioridade ao alumnado que estea máis avanzado nos seus estudos. En caso de necesidade podería recorrerse a unha entrevista persoal de selección.
Uhm!, interésame. Onde me apunto?
Se desexas participar como mentor/a debes contactar coa Coordinación do PAT (teleco.pat@uvigo.es) antes de maio de cada curso académico. En todo caso, recibirás unha comunicación publicitando este prazo dende a coordinación do grao, durante o segundo cuadrimestre, cando se abra o proceso de captación. Unha vez elixidas as persoas participantes, comunicarásevos persoalmente o resultado da selección.
Eu non acabo de telo claro. Hai máis información?
Se desexas máis información sobre o programa, en xeral, ou sobre calquera dos seus aspectos, podes dirixirte á Coordinación do Plan de Acción Titorial da Escola (teleco.pat@uvigo.es), para concretar unha xuntanza presencial ou virtual na que tentaremos clarexar todas as túas dúbidas.
En calquera caso, e por se te é de utilidade, debaixo tes a testemuña dunha estudante que foi mentora na EET, que nos conta a súa experiencia. Se ves todo o vídeo, Laura fala da necesidade de ter mentorización en cursos superiores, xa lle fixemos caso e agora temos o programa orientaTE!