O Plan de Acción Titorial e Atención ás Necesidades Específicas de Apoio Educativo (PAT-ANEAE) é un instrumento a través do que se deseña o contido e a execución de diversas accións relativas á titoría universitaria.

As actividades do PAT-ANEAE van dirixidas a todo o estudantado do centro, prestando unha especial atención a estudantes de novo ingreso e a quen estea rematando os estudos, situacións nas que se fai máis necesario dispor da información que axude á toma de decisións propias destas etapas.

Na Escola de Enxeñaría de Telecominicación, as actividades do PAT-ANEAE organízanse en tres grandes programas:

MEET-Teleco

Programa de mentoría, creado no curso 2012-13, para atender o estudantado de grao que chega á Escola. Nel, o estudantado mentor – de cursos superiores–, xunto co equipo docente, tutela ao novo estudantado no seu primeiro ano no centro. Na planificación do MEET inclúense charlas e obradoiros formativos, así como reunións entre estudantes mentores/as e estudantes tutelados/as. O seu éxito fixo que outros centros da Universsidade de Vigo adoptaran este mesmo programa para o seu estudantado. No seguinte vídeo podes atopar unha testemuña dunha estudante mentora

orientaTE

Plan de centro, creado no curso 2021-22, que pretende establecer unha única estratexia para mellorar a orientación do estudantado durante a súa estancia na Escola, tanto nos seguintes pasos na súa traxectoria académica, como de cara a súa inserción no mundo laboral. Na planificación de orientaTE inclúense actividades formativas complementarias, como visitas a institucións e empresas que teñan interese formativo, charlas de persoas expertas do mundo profesional sobre aspectos técnicos e/ou relevantes para a formación transversal dos estudantes (soft-skills), así como obradoiros sobre temas específicos impartidos por especialistas, ou outras iniciativas similares (hackatons, capture-the-flag etc.). A participación do estudantado nestas actividades recóllese anualmente e é trasladada á Vicerreitoría de Estudantes, para o seu recoñecemento académico segundo a normativa vixente.

PIUNE

O programa de integración de universitarios/as con necesidades especificas de apoio educativo (PIUNE) é proporcionado pola Universidade de Vigo e xestionado pola UNATEN (Unidade de atención ao estudantado con necesidades específicas de apoio educativo). Precisamente nas páxinas da UNATEN podes coñecer os detalles desta iniciativa.

O estudantado pode inscribirse no PIUNE no momento no que formalice a matricula nos estudos oficiais na Universidade de Vigo, ainda que existe a opción de facelo posteriormente. Neste caso tramitarase a inscrición coa axuda da persoa responsable do PIUNE e/ou do PAT-ANEAE do centro no que se atope realizando os estudos con tempo abondo para poder estudalo e determinar as medidas necesarias.

Na EET estamos especialmente concienciados coa igualdade de oportunidades e con facilitar ao estudantando con necesidades específicas de apoio educativo a súa vida académica, polo que podes dirixirte a nós para que te axudemos.

Máis información sobre o PIUNE

Non dubides en contactar coa coordinación
no correo teleco.piune@uvigo.gal