Competencias

As Competencias xerais e específicas exixibles para outorgar o título comprenden aquelas indicadas nos requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habilitan para o exercicio da profesión de Enxeñeiro Técnico de Telecomunicación, entre os que se encadra o título de grao que se propón, así como algunhas propias da titulación proposta, que lle achegan o seu carácter diferenzador. As competencias dos requisitos de habilitación para o exercicio profesional enúncianse nun primeiro lugar, facilitando así a súa localización. As competencias propias do Grao proposto, que non proveñen da Orde Ministerial CIN/352/2009, indícanse en letra cursiva.

Ademais, ao longo de todas as materias conducentes á obtención do título de grao en cuestión, prestarase especial coidado en fomentar os dereitos fundamentais e de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres (Lei 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes), os principios de igualdade de oportunidades e accesibilidade das persoas con discapacidade (Lei 51/2003, de 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal de persoas con discapacidade) e os valores propios dunha cultura da paz e valores democráticos (Lei 27/2005, de 30 de novembro, de fomento da educación e a cultura da paz).

O Grao proposto distribúe os 60 ECTS non definidos na orde CIN en dous bloques de 30 ECTS. Un destes bloques incorpórase ao módulo común de Telecomunicación, que se estende ata 90 ECTS. O segundo destes bloques de 30 ECTS correspóndese coa optatividade que ha de cursar o alumno.

Neste escenario, incorporáronse competencias adicionais, tanto xerais como específicas, que complementan as determinadas pola orde CIN e permiten achegar un carácter diferenzador ao Grao proposto.

As Competencias xerais 10 á 14 e as específicas de 48 á 89 son as incorporadas nesta proposta de Grao. As xenerais achegan aos alumnos unha mellor interacción cunha futura contorna laboral compartido con equipos humanos non necesariamente técnicos e unha utilización eficiente de recursos físicos e de coñecemento que probablemente non estaban recollidas nas competencias da Orde CIN.

No caso das específicas, da 48 á 53 correspóndense cos contidos do módulo de Telecomunicación, adicionais aos propios da Orde CIN, e desenvolven aspectos diferenzadores da formación común dos alumnos do Grao. As competencias específicas 54 a 57 cobran sentido na especial énfase que a proposta de Grao pon na xestión e desenvolvemento de proxectos de Enxeñaría, contidos que representan unha boa parte do último cuadrimestre da titulación.

As restantes competencias específicas externas á Orde CIN, da 58 á 89 adquírense en materias optativas, de modo que cada alumno só adquire as competencias correspondentes ás materias cursadas. Estas materias optativas proporcionan competencias adicionais ás da orde CIN, xa que doutra forma perderían o carácter optativo para converterse en obrigatorias para a obtención do título.

A continuación enúncianse as Competencias xerais e específicas que os estudantes deben adquirir durante os seus estudos. Para a obtención do título, cada alumno ten que completar só un dos catro módulos tecnolóxicos incluídos no Grao proposto. Desta forma, as competencias específicas 21 a 47 non serán adquiridas por todos os alumnos: os que sigan a tecnoloxía de Sistemas de Telecomunicación adquirirán as competencias 21 a 26; os de Sistemas Electrónicos, 39 a 47; os de Telemática 27 a 33; e os de Son e Imaxe, da 34 á 38.