Recursos e infraestruturas

Aulas e seminarios

A Escola de Enxeñería de Telecomunicación conta con 14 aulas, con capacidades entre 50 e 100 alumnos (aulas T101-T110, T201-T214 e T217-T218), 1 aula con capacidade para 240 alumnos (aula B003) e 6 seminarios (con capacidade para 12 alumnos). Todas as aulas dispoñen de pizarra, canón de vídeo, pantalla de proxección, un ordenador con conexión a Internet e o software necesario para impartir as clases (visor de documentos en formato pdf, Open Office, etc.). 

As aulas T atópanse no edificio Ampliación Telecomunicacións-Minas, con accesibilidade a través de ramplas e/ou ascensores para persoas discapacitadas. Dez das dezaseis aulas contan con espazos reservados para cadeiras de rodas. A aula B003 atópase no edificio da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

Laboratorios informáticos

A Escola de Enxeñería de Telecomunicación dispón de 12 laboratorios informáticos, un deles de iMacs, debidamente equipados para a realización de prácticas de tipo simulación e programación. Nestes laboratorios imparten clase todas as áreas con docencia na escola e tamén son empregados para outro tipo de cursos. Ademais dos equipos informáticos, todos os laboratorios dispoñen de pizarra, canón de vídeo e conexión a Internet en todos os postos de traballo. 

Laboratorios experimentais

  • Laboratorio AS01. A docencia deste laboratorio permite impartir  materias de procesado de sinal que mesturan prácticas instrumentais e de simulación. Conta con ordenadores de tipo PC con software específico para o procesado de sinal e hardware adicional (osciloscopios, fontes de alimentación, xeradores de sinal, ...). 
  • Laboratorio BS04. Este laboratorio é adecuado para materias do ámbito de Radio. Dispón de antenas e equipos de medida, bancos de microondas,  osciloscopios, fontes de alimentación, xeradores de sinal, analizadores de espectros e medidores de campo. A maior parte da instrumentación está dispoñible por octuplicado, o que permite o traballo en grupos de laboratorio reducidos.
  • Laboratorio BS03. Este laboratorio ten aplicación en  materias de electrónica dixital. Dispón de ordenadores de tipo PC co software e o hardware adecuados para traballar con microprocesadores.
  • Laboratorio BS01. A docencia deste laboratorio céntrase maioritariamente  en  materias de circuítos ópticos e de radiofrecuencia. Dispón de bancos de traballo con instrumentación electrónica e optoelectrónica. Inclúe unha pequena sala escura e outra semiescura.
  • Laboratorio LD01. Este  laboratorio ten aplicación fundamentalmente en materias de electrónica analóxica. Dispón de ordenadores tipo PC e bancos de traballo con instrumentación electrónica, tanto analóxica como dixital.

Todos os laboratorios experimentais dispoñen de pizarra, canón de vídeo e conexión a Internet en todos os postos de traballo.

Outros espazos

  • Biblioteca. Conta con un depósito de libros, software, fondos fonográficos e videográficos; servizo de préstamo, sala de lectura, ordenadores conectados a Internet.
  • Sala informática. Sala de libre acceso equipada con 15 ordenadores, nos que se instalou o software de uso común nas prácticas. 
  • Salas de videoconferencia. Salas con capacidade media e equipamento específico para a realización de videoconferencias.
  • Sala multimedia. Aula dotada de sistema audiovisual, con posibilidade de videoconferencia e ordenadores con capacidade multimedia.
  • Sala de Xuntas. Sala ampla con mobiliario deseñado para reunións de grupos numerosos. Dispón de canón de vídeo e pantalla para proxección.
  • Salas de reunións. Salas de pequenas dimensións con mesas e cadeiras móbiles.
  • Salón de graos. Espazo dotado de capacidade de proxección con canón de vídeo. Dispón de sillóns con mesa auxiliar para escribir.
  • Salón de actos. Espazo grande dotado con sistemas de son e proxección de vídeo. Dispón de sillóns con pala auxiliar para escribir.
  • Sala de audición e cámara semianecoica acústica. Esta sala conta con instrumentos de medida e análise de sinais acústicas, simulación de acústica de salas, transmisión de son en edificios, acústica ambiental e edición de audio. 
  • Laboratorio de medidas radioeléctricas. Espazo singular con dotación específica para a realización de medidas e análise de sinais radioeléctricas (ata 40GHz) e de compatibilidade electromagnética.
  • Laboratorio NORTEL. Dotación donada por NORTEL para usos demostrativo e docente, con equipamento para redes sen fíos e móbiles.
  • Aula CeMIT e Tic Tac. Aula da rede de Centros de Modernización e Inclusión de Galicia que inclúe equipamento informático do proxecto Tic Tac adaptado para persoas con discapacidade.

Reserva de aulas, espazos e material

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación dispón dunha aplicación web para a reserva de aulas e espazos do centro. A aplicación permite consultar as características e dispoñibilidade dos diferentes espazos, buscar aqueles que mellor se axusten as necesidades do evento para o que se desexa facer a reserva (capacidade, número de PCs, conexión a Internet, videoconferencia, acceso a persoas con mobilidade reducida),facer reservas a través de Internet e visualizar os eventos que terán lugar na Escola.