Benvida

En nome do equipo directivo, do persoal que traballamos na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e do seu alumnado, quero darche a benvida á nosa Web, punto de referencia e información para todos nós.

Nesta páxina pretendemos que podades atopar toda a información relacionada coa docencia, a investigación e o funcionamento da EET tanto se formades parte dela coma se queredes ver que facemos aquí. O noso obxectivo e mantela actualizada, e con tódolos contidos necesarios para proporcionar información completa e cómoda para calquera que se achegue, polo que agradecemos as vosas suxestións e comentarios.

A EET leva máis de trinta anos formando profesionais das Telecomunicacións, nas diversas especializacións do ámbito. Na actualidade ofertamos o grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, con catro mencións, e o máster en Enxeñaría de Telecomunicación, tamén con catro especialidades, adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior. Ademais, contamos coa experiencia investigadora dos grupos da Escola para a impartición de outros cursos, másteres e programas de doutoramento.

Nas nosas titulacións poténciase a formación no ámbito da Enxeñaría de Telecomunicación, sen descoidar a ampla base de coñecementos científicos, matemáticos e tecnolóxicos necesarios para un mellor desenvolvemento profesional dos titulados. A formación destes profesionais, incluíndo a súa vertente ética e humanística, enfócase a dar servizo á nosa sociedade.

Ademais das actividades académicas e investigadoras, eixos fundamentais da EET, o ambiente de participación facilita que se realicen actividades culturais, deportivas, e todas aquelas que contribúan ao crecemento persoal dos que formamos parte desta Escola.

Iñigo Cuiñas.
Director da EET.