A Escola

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación inicia a súa actividade docente en outubro de 1985, co nome de Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación e pertencendo á Universidade de Santiago de Compostela e que tiña as súas instalacións na entón chamada Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais, agora Escola de Enxeñaría Industrial.

No verán de 1990, alumnos da primeira promoción converteranse nos primeiros Enxeñeiros de Telecomunicación titulados tra-la defensa do seu Proxecto Fin de Carreira, estreando para iso as instalacións do edificio actual.

No curso 2003/04 comézanse a impartir ademais as titulacións de Enxeñaría Técnica de Telecomunicación, especialidade Sistemas de Telecomunicación e de Enxeñaría Técnica de Telecomunicación, especialidade Son e Imaxe.

Será en setembro de 2010 cando as titulacións LRU existentes se substitúan pola titulación de Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación existente na actualidade. Esta nova titulación está adaptada ao Espazo Europeo de Educación Superior, conta con catro mencións: en Sistemas de Telecomunicación, en Sistemas Electrónicos, en Son e Imaxe e en Telemática de forma que ao completar unha delas, o titulado ten as competencias necesarias para a profesión de Enxeñaría Técnica de Telecomunicación. Para a cualificación de Enxeñaría de Telecomunicación terase que cursar posteriormente o título de Máster de Enxeñería de Telecomunicación, para o que a docencia aínda non comezou.

Ademais, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, dende o seu inicio, o profesorado ven impartindo cursos de doutoramento e de posgrao ou máster relacionados co ámbito da enxeñaría de telecomunicación.

Os departamentos de Enxeñaría Telemática, Teoría do Sinal e Comunicacións e Matemática Aplicada II teñen sede na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Ademais, outro departamento importante na docencia das titulacións é o de Tecnoloxía Electrónica, que ten sede na Escola de Enxeñaría Industrial.

Na actualidade, na Escola traballan 120 persoas en docencia, 30 en administración e servizos e máis de 50 en tarefas de investigación.