Saídas profesionais

Grao en Enxeñería de Tecnoloxías de Telecomunicación

En relación á demanda laboral dos Enxeñeiros de Telecomunicación, o informe "A situación laboral dos enxeñeiros de telecomunicación en Galicia", apunta que máis do 96% dos egresados exerce unha actividade laboral, sendo o desemprego algo inferior ao 4%, por baixo da taxa de desemprego global da comunidade. Os datos melloran ao considerar que case a metade dos desempregados estano por ocupar o seu tempo en ampliar a súa formación. Detéctase tamén que os egresados atopan traballo maioritariamente no mesmo ano en que terminan os seus estudos. Estes datos confírmanse cos resultados da enquisa de inserción laboral de titulados da Escola de Enxeñería de Telecomunicación.

Entre os empregados, o 87% faio por conta allea e só o 4.5% faio por conta exclusivamente propia. O resto compatibiliza ambas as modalidades laborais. A maioría dos que traballan en empresas, fano en empresas privadas multinacionais (38%) ou en empresas privadas nacionais (28%). A Administración Pública ten un peso importante (19%), o mesmo que a empresa pública (13%). A porcentaxe de contratos indefinidos ou fixos alcanza o 65%.

Como consecuencia da visión das necesidades do mercado laboral, e tendo en conta o Libro Branco da titulación e os recursos humanos e materiais dispoñibles, o título de Grao en Enxeñería de Tecnoloxías de Telecomunicación ofrece catro mencións, que proporcionan especialización relacionada con catro perfís profesionais diferenciados e de elevado atractivo na contorna socioeconómica galega.

1. SISTEMAS DE TELECOMUNICACIÓN

  • Empresas: sector das telecomunicacións, a informática, os servizos e a industria, entre as que destacan as dedicadas a comunicacións por cable, por fibra óptica ou vía radio, tanto terrestres como satelitales
  • Perfís: "Enxeñeiro de RF", "Especialista en integración e proba" e "Consultor de sistemas" do informe PAFET; e "Deseño de redes de comunicacións", "Enxeñería de RF", "Consultoría de sistemas TI" e "Deseño de aplicacións DSP" do informe Career Space.
  • Áreas de traballo: deseño, xestión e implantación de novas infraestruturas de redes e servizos de telecomunicacións. Ademais, está capacitado para desenvolver as seguintes responsabilidades:
    • Deseñar, coordinar e dirixir a construción, posta en marcha e explotación de sistemas de comunicacións de imaxe, voz e datos.
    • Realizar inspeccións e intervencións técnicas en servizos de telecomunicacións.
    • Desenvolver sistemas de comunicacións por cable ou vía radio.
  • Saídas laborais: Pemes e grandes empresas que actúan como operador (deseño, mantemento, optimización de servizos e redes), fabricantes (equipos e equipamento), ou comerciais (vendas e mantemento de servizos a empresas locais).

2. SISTEMAS ELECTRÓNICOS

  • Empresas: fabricantes de equipos electrónicos, electrónica de comunicacións, electrónica de consumo e sistemas electrónicos en xeral.
  • Perfís: "Especialista en mantemento hardware" , "Enxeñeiro de desenvolvemento hardware", "Deseñador/integrador de sistemas" e "Especialista en integración e probas" do informe PAFET; e "Deseño dixital", e "Deseño de produtos" do informe Career Space.
  • Áreas de traballo: Concepción, deseño, elaboración e mantemento de produtos e sistemas electrónicos, sistemas electrónicos para o almacenamento, procesado e transmisión da información, sistemas de instrumentación, sensores e actuadores, electrónica para automoción, sistemas de conversión e almacenamento de enerxía, sistemas electrónicos de control e domótica, sistemas de electromedicina. Mantemento, reparación e actualización de compoñentes, equipos e sistemas electrónicos. Xestión e organización comercial de empresas de produtos e sistemas electrónicos. Consultoría técnica en sistemas electrónicos.
  • Saídas laborais: directores, xefes de proxecto ou enxeñeiros en empresas do ámbito da electrónica. Os sectores empresariais nos que se adoita atopar traballo son moi diversos e variados: electrónica, telecomunicacións, electrónica de consumo, microelectrónica, automoción, centros de I+D+I, sector sanitario e biomédico, seguridade, robótica, enerxía e sustentabilidade, multimedia, imaxe, son e tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), sector aeronáutico e aeroespacial, sector de servizos, sector público e, en xeral, calquera sector de actividade económica que necesite aplicar a electrónica na mellora da produtividade e a competitividade. A electrónica está presente en case todos os sectores produtivos.

3. SON E IMAXE

  • Empresas: sector audiovisual e telecomunicacións.
  • Perfís: "Especialista en tratamento de sinal multimedia" e "Programador multimedia" do informe PAFET; e "Multimedia", "Deseño de aplicacións para o procesado dixital de sinais" e "Consultoría de sistemas TIC" do informe Space Career.
  • Áreas de traballo: procesos de fabricación, construción, instalación, funcionamento, conservación e reparación de calquera equipo de comunicación: telefonía, radio, televisión, electrónica, circuítos integrados, transmisión con fibra óptica.
  • Saídas laborais: exercicio libre da profesión: proxectos, estudos, consultas e peritacións demandados por empresas e clientes particulares; traballo por conta allea en empresas de Telecomunicacións, consultorías, estudos de gravación, empresas de televisión e audiovisuais en xeral, acústica ambiental, control de ruído en industrias e aplicación do Código Técnico da Edificación na súa parte acústica. Dirección Técnica ou Técnicos en laboratorios acreditados para a realización de medidas acústicas; e traballo dentro da Administración: organismos e grupos de traballo con necesidades de comunicación audiovisual (Ministerio de Transporte e Comunicacións, Educación, etc.); operadores de televisión por cable, terrena e satélite; deseño, instalación e mantemento de redes de TV por cable e sen fíos e redes interiores en edificios (aplicación da normativa de infraestruturas comúns de telecomunicación en edificios suxeitos ao réxime de propiedade horizontal). 

4. TELEMÁTICA

  • Empresas: Sociedade da Información, desde as que ofertan servizos en Internet ata aquelas que fabrican equipos e sistemas de telecomunicación, pasando polas que se ocupan da seguridade nas redes.
  • Perfís: "Programador de sistemas software", "Deseñador/integrador de sistemas", "Deseñador de redes de comunicacións", "Arquitecto de redes telemáticas2, "Analista de servizos telemáticos" e 2Especialista en seguridade telemática" do informe PAFET; e "Arquitectura e deseño de software", "Desenvolvemento de software e aplicacións", "Deseño de redes de comunicacións", "Enxeñería de comunicación de datos" e "Consultoría de sistemas TIC" do informe Career Space.
  • Áreas de traballo: deseño, desenvolvemento e implantación das tecnoloxías teleinformáticas, e capacidade de actualizarse permanentemente. Ademais, desenvolverá habilidades a nivel avanzado na arte das novas tecnoloxías e sistemas de comunicación; análise das comunicacións corporativas e o negocio dos operadores; como deseñar, operar e xestionar redes, como decidir entre alternativas tecnolóxicas e diferentes solucións de enxeñería e comerciais, administrar e explotar as posibilidades de negocios coas redes de comunicacións.

Por outra banda, como demostran os estudos demoscópicos sobre inserción laboral en Galicia dos titulados da rama de Telecomunicación, a presenza destes profesionais é crecente en empresas que se poderían considerar non-TIC, isto é, pertencentes a sectores produtivos non relacionados directamente coas tecnoloxías da información e as comunicacións. O 61% traballa en empresas do sector TIC, mentres que un 34% faio en empresas non-TIC, o que representa unha porcentaxe realmente considerable. Esta presenza, en opinión dos propios profesionais, débese a unha serie de características da súa formación que, como é lóxico, esta proposta de titulación trata de manter e, no posible, mellorar. Estas competencias ou habilidades son as que se detallan a continuación:

  • Capacidade de adaptación a cambios e de aprendizaxe.
  • Coñecementos técnicos.
  • Capacidade para dirixir equipos e para traballar en equipo.

Segundo os estudos de inserción de emprego dos egresados do centro, unha porcentaxe importante emprégase en empresas ou administracións públicas que desenvolven a súa actividade na propia comunidade autónoma galega. A situación do mercado das telecomunicacións en Galicia pode considerarse peculiar dentro da realidade económica da propia comunidade, xa que conta cun número importante de empresas de maior ou menor envergadura no sector de interese. Por citar algunhas, atopamos desde fabricantes de equipos de comunicacións (Televés, Egatel) a operadores (propios como R ou delegacións de compañías de ámbito nacional ou internacional: Telefónica, Orange, Vodafone, con peso recentemente ampliado tras a compra de Tele2-Comunitel, empresa con sede en Vigo), pasando por fabricantes de electrónica de consumo (Blu:sens). Un bo número destas empresas colaboraron co Centro en diversos ámbitos, tanto en áreas de I+D como en formación mediante prácticas; e deben ser viveiro das prácticas en empresa optativas propostas no presente plan.

Os grandes centros de desenvolvemento económico estatais, como son Madrid e Barcelona, atraen tamén un número considerable de egresados. É de destacar o carácter emigrante do egresado en busca do seu primeiro emprego, e tamén a tendencia a volver a Galicia unha vez que a súa carreira profesional desenvolveu os seus primeiros impulsos: o 60% dos egresados que traballa fóra da Comunidade desexa volver.