MEET-Teleco 2017/18

Que é MEET-Teleco?

MEET-Teleco é unha tripla oportunidade:

Para o alumnado mentor porque, ademais da competencia técnica que adquirides na Escola, na vosa vida laboral (e persoal) necesitaredes outras habilidades que teñen mais que ver co trato con outras persoas (clientes, xefes, compañeiros, subordinados, ...) e, incluso, co coñecemento e a xestión de vós mesmos. MEET-Teleco daravos unha introdución a estes aspectos e, con un enfoque eminentemente aplicado, ofreceravos a oportunidade de ter unha primeira experiencia de liderado, axudando ao crecemento persoal de compañeiros que acaban de chegar.

Para os alumnos tutelados, os mentees, porque ides contar co apoio doutros que, aínda que con mais experiencia, están moi próximos a vós, coñecen de primeira man os vosos problemas e dificultades na incorporación á Universidade e están dispostos a orientarvos para que os superedes.

Para a Escola porque, por una parte, ademais da capacitación técnica, mellorarán outras competencias do noso alumnado mentor, incrementando a súa empregabilidade; por outro lado, os efectos beneficiosos sobre o alumnado tutelado favorecerán a súa integración, motivación e resultados. É a oportunidade, en suma, para crear unha cultura de organización baseada en aspectos non só académicos.

Xa, xa!, pero ... en que consiste?

O programa MEET-Teleco é unha parte fundamental do Plan de Acción Titorial da Escola (PAT).

Durante anos foron profesores os que exerceron de mentores do alumnado de primeiro curso. Dende o curso 2013/14 son alumnos de cursos avanzados os que se involucran no proceso de orientación aos que chegan. Outro cambio importante é que se selecciona e forma especificamente ás persoas que participan no programa. Os alumnos novos, mentees, están mentorizados por outros alumnos, mentores, e como consecuencia lóxica creemos que mellorará a comunicación e os resultados. Esta idea estase a ver corroborada cos datos xa recollidos nas edicións que levamos de andaina.

A Escola, con axuda da Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado da Universidade, proporcionará formación específica para o alumnado que se ofreza, e sexa seleccionado, para o papel de mentor.

Dende o punto de vista do alumnado mentor, o proceso terá dúas etapas:

  • Etapa de formación: que se levará a cabo durante os meses de maio/xuño e setembro de 2017.

  • Etapa de mentoring: ó largo do período lectivo do curso 2017/18.

Acreditarase a formación recibida e a actividade de voluntariado levada a cabo. Ademais, solicitarase á Universidade a concesión de créditos ECTS para o alumnado mentor do grao.

Calendario da etapa de formación:

As datas non son aínda definitivas, pero as sesións de maio/xuño durarán dúas semanas e comezarán de xeito inmediato ao rematar os exames de maio. As datas máis probables son, de luns a venres, do 29 de maio ao 9 de xuño. Serán sesións de unhas 4.5 horas polas mañás.

En setembro haberá sesións adicionáis adicadas a un repaso de formación previa ao verán, á comunicación e ao mentoring (con orientación específica para o MEET-Teleco).

Ao longo do curso haberá tamén obradoiros de seguemento e orientación para os mentores.

Nota: as datas de setembro e as dos obradoiros de seguimento dependerán do calendario oficial da Universidade. Comunicaranse con antelación dabondo.

Calendario da etapa de mentorización:

Programaranse, en horario compatible, 4 reunións por cuadrimestre entre mentores e mentees. As datas concretas dependerán do calendario académico definitivo e comunicaranse con antelación dabondo.

Te–ño moi pouco tempo, a qué me comprometo coma mentor?

Se te apuntas como mentor, os teus compromisos concretos son os seguintes:

  • Asistir aos cursos e obradoiros de formación.

  • Liderar as reunións cos mentees e cubrir as actas que delas se fagan.

  • Asistir e participar nas reunións de coordinación de mentores.

Sona ben. É para mín?

Para ser mentor esixiranse algúns requisitos. Non temos capacidade de ofrecer esta oportunidade de formación a todos os alumnos da Escola, polo que se fará unha selección entre todos aqueles que manifestedes o voso interese en participar no programa. As condicións básicas son:

  • Ser alumno da Escola e estar cursando este ano 2.o ou 3.o curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. Tamén se contempla a posibilidade para o alumnado do máster.

  • Ter dispoñibilidade para participar na fase de mentoring (non a terás, por exemplo, si vas participar nalgún programa de mobilidade –Erasmus, ISEP, Séneca, ...– o curso 2017/18).

Darase prioridade aos alumnos que estean máis avanzados nos seus estudos. En caso de necesidade podería recorrerse a unha entrevista persoal de selección.

Uhm!, interésame. Ónde me apunto?

Se desexas participar como mentor debes cubrir este breve formulario (MEET-Teleco) antes do 28 de abril de 2017. Unha vez elixidos os candidatos, comunicarásevos persoalmente o resultado da selección.

Eu non acabo de telo claro. Hai máis información?

Se desexas máis información sobre o programa, en xeral, ou sobre calquera dos seus aspectos, podes dirixirte ao Coordinador do Plan de Acción Titorial da Escola, Artemio Mojón Ojea ( This e-mail address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it. ), despacho A504. Tentaremos clarexar todas as túas dúbidas.